Os galeguistas represaliados en Compostela, un a un 

O galeguismo era unha forza con relativa relevancia na comarca de Compostela dos anos 30 e contaba con máis de 450 afiliados, afirma Xosé Ramón Ermida, autor de ‘Mortos por amor a Terra. A represión sobre o nacionalismo galego (1936-1950)’, quen mañá sexta feira ofrecerá unha palestra  promovida polo Galo sobre a memoria dos galeguistas represaliados.

Xosé Ramón Ermida
photo_camera Xosé Ramón Ermida

A charla terá lugar a sexta feira 30 de setembro ás 20.30 horas no espazo etnocultural Vide Vide, como acto de recuperación da memoria dos galeguistas da comarca de Compostela represaliados polo franquismo. Consistirá na presentación do libro ‘Mortos por amor a Terra. A represión sobre o nacionalismo galego (1936-1950)’ (publicado por Sermos Galiza), que contará coa participación do seu autor Xosé Ramón Ermida Meilán, e será presentado polo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira Eiras e polo membro da Academia Galega da Lingua Portuguesa Luis Gonçalez Blasco “Foz”.

O PG, segundo Ermida, contaba con máis de 450 afiliados, tiña presenza, á marxe da cidade, na Baña, Brión, Negreira, Ordes, Padrón, O Pino, Trazo, Teo e Val do Dubra, dispuña dun bo número de concelleiros e entre os seus militantes, atopábanse  o editor Anxel Casal, alcalde de Compostela, e Xosé Rodríguez Vázquez, alcalde de Teo e pai do recoñecido xurista Gonzalo Rodríguez Mourullo. “Non debe estrañarnos, atendendo á propia composición social da cidade, a forte  presenza de estudantes universitarios nas súas filas así como a influencia no movemento estudantil, organizado na altura no ámbito da Federación Universitaria Escolar, a FUE, da que foron dirixentes, entre outros, Ricardo Carvalho Calero ou Francisco Fernández del Riego”, explica Ermida. 

A un tempo, segundo nos conta o autor, “os galeguistas participaban de diversas iniciativas sociais, sindicais ou culturais ao longo de toda a Comarca. No puxante agrarismo destacaban galeguistas como Ramiro Rodríguez, “Ramiro do Crecho”, presidente dos agrarios de Lañas e Rial en Val do Dubra, Avelino Pousa Antelo na Baña, Xosé Botana en Lavacolla ou Ramón Leborán en Bastavales”. Menor foi a influencia, sinala, no sindicalismo obreiro, “aínda así atópanse cadros de relevo na CNT como Manuel Fuente ou Luís Loureiro e na sección do ensino da UXT, dirixida  por Bernardo Mato”. Especial relevo na súa actividade vai ter o traballo cultural, significándose na cidade iniciativas como a editorial e imprenta Nós, a cuxo fronte se atopaba Ánxel Casal e María Miramontes, ou o Seminario de Estudos Galegos, impulsado entre outros por Lois Tobío e Ramón Martínez López.

A guerra

Os galeguistas non libraron da persecución contra os demócratas que se iniciou tras o golpe de estado de 1936. A Editorial Nos é asaltada e saqueada, o Seminario de Estudos Galegos clausurado e algúns dos seus militantes sometidos a diferentes tipoloxías represivas. Segundo os datos de Ermida, algúns marcharán ao exilio, como o profesor da universidade e secretario do Seminario de Estudos galegos Sebastián González Paz (a Puerto Rico); Xoán López Durá, profesor da Facultade de Dereito e concelleiro a México; Ramón Martínez López a Estados Unidos; o alcalde de Teo, Xosé Rodríguez Vázquez, a Arxentina; ou María Miramontes, tamén fuxida a Arxentina. Outros serán expedientados e expulsados do seu posto de traballo como o profesor da Facultade de Dereito Francisco Fernández del Riego, o concelleiro e xurista Xoán Brañas Cancelo, o director da Escola de Maxisterio Xosé Toba ou a mestra da Baña Clara Sanmartín. Son moitos os que pasaron pola cadea como o propietario da Academia Xelmirez e concelleiro compostelán Xosé Teixeiro Rodríguez, o presidente dos galeguistas de Trazo Xosé María Abeixón Pardal, o mestre da Luaña en Brión Humberto Vidal e o agrarista do Val do Dubra Ramiro Rodríguez.

A formula máis definitiva da represión vai ser a aniquilación física do disidente, explica Ermida. Así serán asasinados os veciños de Compostela Ánxel Casal Gosenge, Camilo Díaz Baliño, Xoán Xesús González Fernández. Casal, fundador das Irmandades da Fala, peza central na conformación do sistema literario galego como promotor e propietario da Editorial lar e Nos, Alcalde de Compostela coa Fronte Popular, organizador da resistencia ao golpe na cidade, será paseado na noite do 18 de Agosto en Cacheiras-Teo. Camilo Díaz Baliño, pai de Isacc Díaz Pardo, funcionario do Concello de Compostela, escenógrafo, deseñador gráfico  e figura chave na renovación da pintura galega nas tres primeiras décadas do século XX, será confinado primeiro no cárcere de Compostela, onde debuxará algúns compañeiros de prisión, sendo  paseado o 14 de Agosto de 1936 en Palas de Rei. Xoán Xesús González canteiro, mestre, xornalista, libreiro e avogado, sinalouse tamén como escritor galego, fundou en 1932  a “Unión Socialista Galega”, formación de orientación marxista e nacionalista, sendo fusilado o 12 de setembro de 1936, tras un papel importante na resistencia ao golpe en Compostela como  organizador dos “Terzos de Calo”.

Os veciños de Ordes Xosé del Río Pampín e Xosé García Fernández serán fusilados contra os muros de Boisaca, canda outras oito persoas, o 8 de febreiro de 1937.  Xosé del Río, barbeiro e militante do Partido Galeguista desde a súa constitución en Ordes, xogou un significado papel na oposición ao golpe na súa vila, sendo asasinado con 24 anos. Xosé García, mestre, veterinario e antigo profesor da Escola de Veterinaria en Compostela, era membro do Consello Nacional do Partido Galeguista. Detido nos primeiros días de agosto de 1936, foi salvaxemente torturado, primeiro diante da súa propia familia e posteriormente no cuartel de Ordes. O galeguista da Baña, Erundino Vieito Baña, labrego e carpinteiro da parroquia de Lañás, formou parte do exército republicano como membro do “Batallón Galicia”, detido polos franquistas despois da toma de Asturias, é confinado no campo de concentración de Candás en Carreño, sendo asasinado o 4 de Febreiro de 1938 cando ía ser trasladado ao campo de Concentración de Camposancos na Guarda. O mestre de Teo Bernardo Mato Castro morreu na Estrada despois dunha longa agonía o 4 de setembro de 1936, a consecuencia dunha malleira que lle propinaron os falanxistas cando tentaba fuxir da casa familiar de Teo. Secretario da FETE na Comarca de Compostela, colaborador do Partido Galeguista, militara na “Unión Socialista Galega” e na  “Xuntanza Nazonalista da Estrada”,  á súa volta da emigración cubana.