O galego, presente no 150 aniversario de 'Alicia no país das marabillas'

Este ano cúmprense 150 anos da publicación dun dos libros máis citados da historia: 'Alicia no país das marabillas', e o galego forma parte dun libro-homenaxe e dunha exposición en Nova York sobre as traducións a outras linguas. 

alicia-expo
photo_camera Imaxe da expo co exemplar en galego [Foto: Teresa Barro]

En 1865 publicábase 'Alice's Adventures in Wonderland', unha novela escrita polo autor inglés  Charles Lutwidge Dodgson baixo o pseudónimo de Lewis Carroll. E 145 anos máis tarde comezou nos Estados Unidos un proxecto de facer un compendio de ¨Alicias¨ en todas as linguas do mundo, segundo nos conta Teresa Barro, tradutora da edición galega publicada por Xerais

“A todos os tradutores se nos encarregou a tarefa de traducir de volta (back-translate) con exactitude ao inglés tres páxinas, as mesmas todos, e de escriber un pequeno ensaio en inglés sobre a tradución que fixeramos á nosa lingua. A idea de traducir de volta tiña sentido tratándose de Alicia, pois que, aparte da dificuldade que supuñan os innumerábeis xogos de palabras, etc., en moitos países e linguas nen sequer había os animais que saen en Alicia, por exemplo”, explica Barro, quen compartiu co finado Fernando Pérez-Barreiro o verquido da obra ao galego. 

O proxecto culminou este ano 2015 coincidindo co 150 aniversario da publicación da obra. Trátase de tres volumes que suman 1.000 páxinas (Alice in a World of Wonderlands, Oak Knoll Press, 2015), ao que hai que engadir unha exposición co mesmo título en The Grolier Club (Nova York), que estará aberta até o 21 de novembro. 

A tradución de Barro e Pérez-Barreiro foi galardoada en 1985 co Premio Nacional de Tradución de Libros para Nenos/as. 

Comentarios