Opinión

Un galego na lúa!

Sempre me chamou a atención o fenómeno da “canción do verán”. Son unha metáfora deste mundo tolo e frívolo no que vivimos. Un produto comercial máis que consumir masiva e acriticamente. 

Sempre me chamou a atención o fenómeno da “canción do verán”. Son unha metáfora deste mundo tolo e frívolo no que vivimos. Un produto comercial máis que consumir masiva e acriticamente. Como produto- lixo caracterízase pola súa falta de contido, con ritmos sinxelos e pegañentos e, na miña modesta opinión, sen gusto estético e musical. En moitas ocasións a canción do verán ten letras ofensivas e retrógadas. Lembro que non era capaz de crer que en pleno século vinte e un puidera “triunfar” un tema como “ahí viene el bombero, con la manguera, ahí viene el bombero a mojarte entera”. Descoñezo se isto é tamén pauta no resto do mundo “civilizado”, que algúns consideran “o máis avanzado”... en fin.... as perversións da linguaxe e as reminiscencia coloniais da superioridade occidental!

"Carmen Fraga é galega? Si. Beneficiou a súa presenza a Galiza? Non. De feito defendeu eliminar a orixe dos productos na etiquetaxe, medida ben lesiva para nós". 

Retomando o tema, confeso – non sen rubor- que unha das cancións do verán que máis escoitei foi a que os Zapato Veloz bautizaron como “Pandeirada sideral”. A modo de atenuante direi que non entendía ben a letra, agás o retrouso que repenicaba a ritmo de muiñeira “hai un galego na lúa, hai un galego na lúa.....”. Por sorprendente que pareza, este tema é unha pequena alegoría da situación política que atravesa Galiza. Non me entendan mal. Non quero dicir que galegas e galegas esteamos na lúa -ou sí-. Refírome a que se fai o mesmo uso de Galiza que as forzas  políticas estatais. En campaña todos son moi galegas e galegos, mais pasado o día, pasou a romaría!. Estamos ante o proceder de sempre das forzas estatais. Galiza é adxectivo, apéndice; nunca substantivo e elemento central.

De certo, nas vindeiras eleccións europeas todos e todas “venderán” aos seus candidatos  e candidatas con denominación de orixe galega. Mais iso nin está en discusión, nin do punto de vista político ten relevancia. Sempre houbo galegos e galegas no Parlamento Europeo. Igual que no Congreso dos deputados. O problema é a que intereses se serve e que políticas se defenden. Carmen Fraga é galega? Si. Beneficiou a súa presenza a Galiza? Non. De feito defendeu eliminar a orixe dos productos na etiquetaxe, medida ben lesiva para nós. Antolín Sánchez Presedo é galego? Si. Mais votou -igual que o PP- a favor dunha política pesqueira común que claramente prexudica á pesca galega! De Millán Mon, pouco podemos dicir, a súa irrelevancia é palmaria. Neste punto, dereita e esquerda española teñen por norma común só lembrarse de Galiza cando toca votar. A cuestión non é que haxa galegos e galegas, senón que intereses, que política se vai defender! 

"Acredito no BNG como alternativa imprescindíbel nesta Europa dos mercadores, antidemocrática e negadora dos pobos e os dereitos sociais".

Non sorprenderá que acredite no BNG como alternativa imprescindíbel nesta Europa dos mercadores, antidemocrática e negadora dos pobos e os dereitos sociais. E digo con orgullo que o BNG alertou desde o inicio sobre as nefastas consecuencias desta Europa, ou do euro. O PP, PSOE ou IU non poden dicir o mesmo; casualmente coincidiron os tres nunha entusiastas defensa desta Europa neoliberal que nos afoga. E seguimos denunciando que esta Europa non nos serve. Ana Miranda fixo unha digna e loábel defensa dos intereses de Galiza. Non só deu voz aos nosos problemas e defendeu alternativas, senón que favoreceu a presenza daqueles sectores castigados pola crise. Seguiu a senda de Camilo Nogueira. Sen restar un ápice a súa valía e capacidade -que está máis que acreditada-, a clave é que son militantes nacionalistas que non teñen máis ataduras que a defensa da Galiza e das maiorías sociais. 

Rebelarse contra esta situación é case unha obriga. Facelo partindo da nosa realidade tamén.  Estou en absoluto desacordo cos que en nome da modernidade, practican a vella política piñeirista que leva a diluírnos en plataformas estatais. Sigo acreditando na utopía: pensar no global, actuar no local. O nacionalismo foi, é e será solidario e internacionalista, elemento cave para avanzar en sociedades xustas e igualitarias e democráticas. Chega con ver que pasa en España. O nacionalismo catalán é quen fai abanear o caduco e corrupto réxime establecido após a transición. 

"Estou en absoluto desacordo cos que en nome da modernidade, practican a vella política piñeirista que leva a diluírnos en plataformas estatais".

Nas eleccións europeas moitos se envolverán na bandeira de Galiza, mais non porque a sintan, senón porque a usan para defender outros fins. Son candidatos e candidatas de canción do verán: oportunistas, valeiros de contido. Buscan o éxito rápido, un “voto-kleneex” de usar cando lle convén e logo tirar con el. Eu quédome cos músicos de verdade, as que teñen traxectoria, solidez e continuidade. A música que bebe nas nosas raíces e mira o mundo desde nós propias. Esa é para min a candidatura do BNG, música do país que bebe nas fontes universais, sen resignación, sen dependencias, nin submisión! Rebelémonos pois, co corazón na terra, por termos futuro na Galiza!

Comentarios