A galega Olga Novo gaña o Premio Nacional de Poesía

O xurado elixiu a obra Feliz Idade, da poeta orixinaria da Pobra do Brollón, "por tratarse dun relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo".
A poeta galega Olga Novo (Foto: Kalandraka)
photo_camera Imaxe de arquivo da poeta galega. (Foto: Nós Diario)

A poeta Olga Novo Presa vén de ser recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2020, que outorga o Ministerio de Cultura e Deporte. Este galardón, dotado cunha contía de 20.000 euros, vai para a obra Feliz Idade.

O xurado destaca da peza que é “un relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”.

Igualmente, as persoas expertas resaltan que o libro da autora orixinaria do lugar de Vilarmao, na Pobra do Brollón, “é unha criatura viva que relaciona a maternidade e a morte cunha profunda presenza crítica da memoria histórica”.

A distinción a Feliz Idade, obra publicada na colección Tambo de Kalandraka, súmase ao recente Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega e ao Premio Gala do Libro 2020. O eixo de Feliz Idade é o ciclo vital que abrangue o tempo desde o nacemento e a nenez da filla da autora até o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cunha intensa implicación sentimental e emocional.

Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono.

“A voz poética de Olga Novo, inconfundíbel e de gran potencia”, afirma o xurado do Premio Nacional de Poesía 2020, “conxuga autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria que trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literaria”.

Precisamente, en Feliz Idade xúntase a pegada de voces literarias diversas, desde Rosalía de Castro ou Luís Pimentel, a John Berger, Walt Whitman ou Dylan Thomas. Vidas, persoas e historias son a materia prima deste libro que enlaza pasado, presente e futuro a través das distintas xeracións dunha familia.

Trátase dunha poesía sinestésica, elaborada desde a madurez biográfica e literaria dunha escritora que reflicte -con autenticidade e paixón- a evolución da vida.

Poeta, filóloga e profesora de Ensino Secundario en Monforte, Olga Novo exerceu antano a docencia nas Universidades de Rennes e de Lorient, na Alta e na Baixa Bretaña. Ademais de numerosas colaboracións en revistas e antoloxías, publicou os títulos A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997, Premio Losada Diéguez), A cousa vermella (2004) e Cráter (2011, Premio da Crítica). Como ensaísta, é autora, entre outros, dos volumes O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999, 2008) e Uxío Novoneyra. Lingua loaira (2005, Premio de Investigación Ánxel Fole).

Feliz Idade é segundo Premio Nacional de Poesía que recibe unha obra publicada na colección Tambo de Kalandraka, despois de Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, en 2013. Foi o primeiro poemario escrito orixinalmente en lingua galega que resultaba galardoado con este recoñecemento do Ministerio de Cultura.

Comentarios