A galega Ana Peleteiro, vixente campioa de Europa, clasificouse para a final do Mundial de Atletismo de Doha na categoría de triplo salto. Unha marca de 14,23 no seu segundo intento foi suficiente para conseguilo, acadando a terceira posición dun Grupo B encabezado pola gran favorita, a venezolana Yulimar Rojas, que está adestrada por Iván Pedroso, lenda da disciplina. Por outra banda, o grupo A foi encabezado pola campioa olímpica, Caterine Ibargüen, de Colombia, que saltou 14,32 metros.
O concurso polas medallas do triplo feminino disputarase o sábado ás 20.35 horas de Doha (19.35 en Galiza) e ademais de en televisión poderá ser visionada nunha pantalla xigante que instalarán na praza do Concello en Ribeira.