Galán (Iberdrola) saca proveito da crise das térmicas na Galiza

O feche das centrais térmicas de carbón de Endesa e Naturgy outorga a Iberdrola un papel protagonista no mapa enerxético galego, sendo tamén a que máis enerxía xera das tres a partir de fontes renovábeis. Endesa e Naturgy teñen previsto ampliar nos próximos meses a súa capacidade eólica á espera de concretar alternativas para manter a actividade industrial e os postos de traballo nas Pontes e Meirama. Eis un estrato da peza publicada no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza.
feixoo galán iberdrola
photo_camera O presidente de Iberdrola, Ignacio galán e Feixoo

Galiza leva décadas afrontando un proceso de transición enerxética que tomou velocidade de cruceiro co feche das minas de lignito de Meirama e As Pontes a finais de 2007, hai agora máis de 12 anos. Tempo despois, Europa puxo data de caducidade ás centrais térmicas de carbón. As máis contaminantes tiñan que fechar antes de 2020. Naturgy, a antiga Gas Natural Fenosa, anunciou o pasado ano o cese da actividade da central de Meirama, cunha potencia instalada de 580 megavatios (MW), e agora Endesa, pese a ter comprometido un investimento millonario (170 millóns de euros para os procesos de desnitrificación) para cumprir cos requirimentos de Bruxelas e prolongar a vida útil da central até 2030, anuncia tamén o feche da súa central debido aos altos prezos do mineral de importación e aos novos mecanismos de regulación dos dereitos de emisión de CO2.

Estes feches traen consigo varias cuestións a resolver, como o mantemento dos empregos ou a continuidade da actividade industrial nestas dúas comarcas, pero tamén un cambio destacado no mapa enerxético galego. E é que ao quitar as centrais térmicas da ecuación, Iberdrola pasaría de ter un papel secundario a comandar o sector na Galiza.

Segundo os datos facilitados pola compañía, Iberdrola contaba a finais do primeiro semestre do ano con 2.221 MW de potencia instalada, sendo máis de 95% de orixe renovábel. A maior parte corresponde aos saltos hidroeléctricos, cun total de 1.581 MW. A eólica suma outros 626 MW, sendo os algo máis de 13 MW restantes de coxeneración (produción simultánea de enerxía e calor).

Endesa, pola súa banda, suma 1.770 MW sen contar os 1.469 MW da central térmica das Pontes. Desa cantidade, 870 MW corresponden aos ciclos combinados que a empresa ten nesas mesmas instalacións. O resto repártense entre os saltos de auga –tanto hidráulica como minihidráulica– que suman 390 MW, e os 510 MW de eólica.

Naturgy tamén ten 194 MW en potencia eólica, aínda que a hidráulica é a que maior peso ten na súa carteira, con 1.272 MW mais os 105 da minihidráulica. Cos 397 MW dos seus ciclos combinados e sen contar cos 580 MW da térmica de Meirama, a compañía suma 2.868 MW.

Novos proxectos

Pero Iberdrola non vai ter tempo para desfrutar do seu renovado protagonismo, xa que as súas rivais xa teñen en marcha proxectos para ampliar a súa capacidade eólica con 62 MW no caso de Endesa e 194 no de Naturgy.

Con todo, ningunha das dúas ten definido ningún proxecto alternativo ao das súas centrais térmicas. Naturgy non é a primeira central que fecha na Galiza, xa que ten experiencia coa de fuel de Sabón, que este mesmo mes de outubro rematará de derrubarse. Queda no seu lugar un ciclo combinado de gas, pero para as instalacións do concello de Cerceda parece que os plans van máis encamiñados ao fomento das enerxías renovábeis. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios