A primeira das guerras de África, entre 1859 e 1860, foi unha febril afirmación de patriotismo xustificada en que os "mouros" atacaban a honra de España. A Igrexa Católica, sempre atenta a divulgar a súa única verdade, mesmo alentou os soldados a "non voltar sen deixar destruído o islamismo, arrasadas as mesquitas e cravada a cruz en todos os alcázares"
Foi unha cruzada con millares de mortos que finalizou na batalla de Wad-Ras. Este episodio bélico tivo lugar o 23 de marzo de 1860. Cos canóns capturados ao exército marroquino, unha vez fundidos, o escultor de cámara da raíña e autor do frontispicio do Congreso Ponciano Ponzano fixo os leóns que hoxe adornan a entrada do Congreso de Madrid, un deles castrado.
A guerra durou catro meses e un dos que sobreviviron foi Francisco Lozano Varela. En 1914 Otero Pimentel organiza en Cádiz unha comida na súa honra á que asistiron 150 comensais. Mesmo houbo caldo galego. O Álbum da emigración sitúa Otero Pimentel, nado en Vila de Cruces en 1834 e morto en Cádiz en 1920, como “socio fundador do Casino Español, do Centro Gallego e da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. En 1894 deu ao prelo o libro Reflejos de la vida militar. Desempeñou, entre outros, o cargo de gobernador de Manzanillo (daquela na provincia de Oriente, hoxe na provincia de Granma). Tivo tamén unha importante actividade literaria baixo o pseudónimo de "Xan de Outeiro”. A súa obra máis destacada foi A campaña de Caprecórneca, novela publicada por entregas no semanario Follas Novas en 1897.
Vida Gallega recolle a homenaxe e di que, para alén dos méritos militares, Francisco Lozano é lembrado máis por tocar a gaita no campo de batalla do que por disparar tiros. Tocaba a gaita e, ás veces, entre os rigores da loita, exalta o ánimo dos galegos “enviándoos contra o inimigo entre os acentos do instrumento rexional".
Foi un acto para "festexar o home que derramou notas de música galega sobre o chan de África”.
[A imaxe que ilustra o artigo na portada representa a batalla de Wad-Ras]