MOITAS FESTAS LEMBRAN IMPORTANCIA DO LUME NA EVOLUCIÓN HUMANA

Fuxir do lume para caer na borralla! 

O lume que queima o monte é  o tema da semana neste Sermos 157. Na Galiza, non en California que é onde se centran outros medios. Lean e sintan a calor da tinta. Da tinta que fai posíbel o pixel.

rozas
photo_camera Indicador do lugar de Rozas

Xa teño diante dos ollos a capa do Sermos 157. Estruturada em base a tres ideas, tres. Dela sobresaen unha serie de palabras: toxos e megalítico, monte e vivo. Lume asasinaron. E de tres pasamos a seis, seis palabras antecipadoras de conceptos duais, certas como a vida mesma. A vida e a morte xuntas, coma sempre, como marca a tradición literaria.

Comecemos polo lume. Hoxe, e desde hai anos, o lume arrasa os nosos montes. Mais o lume é unha ferramenta empregada polo ser humano, de maneira consciente,  desde hai polo menos 400.000 anos.  Ao principio para se aquecer, para preparar alimentos e como ferramenta agrícola. Máis tarde na industria. A industria!! Onde vai a nosa industria??

"O lume está asociado a prácticas agrícolas tradicionais pois desde os primeiros cultivos do Neolítico, do Megalítico agora cuberto de toxos como reza a capa de Sermos, foi unha ferramenta empregada para preparar a terra antes de sementar".

Moitos rituais e festas, sobre todo os lumes de San Xoán, lembran hoxe a súa importancia no proceso de evolución humana. O lume está asociado a prácticas agrícolas tradicionais pois desde os primeiros cultivos do Neolítico, do Megalítico agora cuberto de toxos como reza a capa de Sermos, foi unha ferramenta empregada para preparar a terra antes de sementar. Moitas desas prácticas aparecen hoxe recollidas na toponimia, no refraneiro e na literatura popular.

Rozas é un destes topónimos. Atopámolo desde Touro a Alfoz e d´A Pastoriza a Arteixo, sob esta forma ou algunha variante: As Rozas, A Roza, Roza Vella, Campo Rozado. Sarmiento faino sinónimo de Cachada(s) “hacia Pontevedra llaman cachadas al terreno que en otras partes llaman rozas” se ben documentamos o topónimo ben lonxe de Pontevedra, quer en Arteixo quer na Laracha achamos As Cachadas e formas similares. Tanto Rozas como Cachadas (se cadra tamén Cacheiras) derivarían da práctica de cavar a terra, amontoar os terróns para secaren e logo queimar e esparexer as cinzas.

Igual orixe ten o topónimo Estivada ou Estivadas, tamén centrado na práctica de cavar e facer rozas. E As Queimadas posibelmente se refira á mesma prácflortoxotica. Ollo, non confundir coa queimada, a popular bebida á que tamén se lle prende lume. Tamén desta práctica, a de queimar terróns e esparexer as cinzas podería vir o nome de lugar A(s) Cernada(s), ben abundante pola nosa xeografía.

Relacionada co lume, se cadra agora facendo referencia a un accidente que provocou a destrución completa dunha “villa” está o topónimo Vilouchada, na freguesía do mesmo nome baixo a advocación de San Vicenzo. A orixe do nome estaría nunha “villa ustulata”, isto é Vila Queimada ou Vila Rozada. Esta forma latina, "ustulata", é tamén hoxe empregada para designar unha especie de orquídea, a Orchis Ustulata e está na base da parte do forno denominada ucheira, da que falaremos noutra ocasión. Moito máis frecuente que Vilouchada é a Casa Queimada, con presenza na Pobra, en Cesuras ou en Ortigueira, entidades humanas hoxe habitadas que comparten denominación con outros lugares hoxe terra de cultivo mais que lembran, quen sabe, que alí existiu unha casa que ardeu e desapareceu. Tal é o caso de terras así denominadas en Arteixo, Paderne, A Merca ou Lousame. En Santa Comba e en Lugo podemos topar Vilar Queimado.

Chaman a atención topónimos como Carballo Queimado, Castiñeiro Queimado ou o Toxo Queimado, todas elas terras de cultivo que poderían indicar algunha neglixencia no control do lume que, por veces, escapaba das rozas. Ou simplemente un acto incendiario.
Hai moitas máis formas relacionadas co lume, compañeiro, e se cadra orixe, da evolución humana. 

Mais deixámolo aquí para que poidan ler tranquilamente o Sermos 157. Só máis unha cousa para finalizar. Un refrán, compendio de sabedoría popular. Aplíquenllo a quen quixeren: Fuxir do lume para caer na borralla!

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios