Opinión

O futuro do BNG

Pechou onte o BNG n’A Coruña a súa xeira congresual, sinalada polo consenso e a remuda xeracional. Ninguén discute o liderado de Ana Pontón, despois do seu sinalado contributo a tronzar os malos agoiros existentes antes das eleccións nacionais deste outono. Ninguén cuestiona a candidatura de consenso que tenta xuntar experiencia e xuventude e onde coexisten aperturistas da UPG -Rubén Cela ou a propia Ana Pontón- canda independentes antigas colaboradoras de Camilo Nogueira, como Ana Miranda, xunto con representantes da liña máis ortodoxa da UPG tradicionalmente hexemónica, como Bieito Lobeira ou Néstor Rego.

Claro é que esta paz interna non só ven alicerzada no relativo éxito electoral do outono, senón tamén nas continuas baixas sofridas pola fronte dende a Asemblea de Amio no 2012 (a última, o anterior portavoz nacional, Xavier Vence), maioritariamente derivadas cara En Marea. É dicir, a nova dirección ha ser consciente da perda relativa sofrida dende 2012 (en realidade dende 2009) polo BNG, malia que semelle, quizais con bib criterio, que priorice a politización no nacionalismo das novas xeracións á recuperación das sucesivas perdas numéricas.

A teimuda realidade é que nin En Marea poderá dar cabo do BNG nin a fronte nacionalista cubrir o espazo que comeza encher a forza mareante. Ninguén dubida que son forzas que compiten parcialmente entre si por espazos políticos semellantes, mais os problemas reais da cidadanía priorizarán a cooperación entre as dúas, moito máis na actual conxuntura na que o PSdeG e o PSOE teiman por se diluir na inutilidade política. Neste senso, acertan os grupos locais do BNG ao minimizar as súas diferenzas cos alcaldes mareantes e apoiar no esencial as súas políticas.

A teimuda realidade é que nin En Marea poderá dar cabo do BNG nin a fronte nacionalista cubrir o espazo que comeza encher a forza mareante

Porque semella que no BNG está todo o mundo dacordo en non asumir estratexias de alianza con Podemos, o que podería ser admisíbel. Mais o que resultaría de todo inconveniente sería transladar esta antítese a unha forza plural e nacional como é En Marea na que a liña oficialista podemita de Carmen Santos ten tan limitada influencia.

Nestes tempos de dilución socialista, a cooperación entre BNG e En Marea constitúe a única alternativa de goberno, no medio prazo, á maioría absoluta do PP.

Comentarios