Paula Carreira, UXT

"É fundamental a atención á diversidade, porque senón non se pode atender ao alumnado"

O 4 de decembro perto de 31.000 docentes poderán votar nas eleccións sindicais no ensino en Galiza para elixir 142 delegados e delegadas. Publicamos pequenas entrevistas con representantes de diversas centrais que se presentan a estes comicios. Falamos aquí con Paula Carreira, de UXT

FB_IMG_1543482555691
photo_camera Paula Carreira, UXT

- Cal é o voso programa para os próximos catro anos?

- A UXT comprométese a seguir loitando polo que lle pertence aos docentes en relación a salario, emprego, dereitos e un sistema educativo público de calidade. Aínda quedan moitos pasos que dar. Seguimos recortados en todos estes ámbitos. Para facer un resumo, en relación ao salario teríamos que recuperar o 100% das pagas extras, como mínimo, xa que a comunidade autónoma nos ten secuestrada a parte autonómica. Tamén teríamos que recuperar o complemento específico para o profesorado de pedagoxía terapéutica de audición e linguaxe que está impartindo en secundaria, por exemplo.

En relación aos dereitos, o máis importante sería a ampliación de licencia de maternidade aos doce meses, excedencias retribuídas por coidados de fillos menores de tres anos ou a redución da xornada lectiva de profesorado, é dicir, os acordos que tiñamos asinados coa Consellería de Educación e que foron paralizados. Iso é o fundamental.

En relación ao emprego, facemos fincapé na elaboración dun catálogo en rede de orientación educativa de Galiza que permita a atención a diversidade. É fundamental porque senón non se pode atender ao alumnado dos centros educativos da Galiza.

E por último, en canto ao sistema público de calidade o primeiro paso, dentro dos moitos puntos que temos metidos no noso programa electoral, é a retirada da LOMCE e a creación dun pacto pola educación. Isto é un resumo, xa que o programa é moi amplo.

- Que foi o que se fixo até agora dende a UXT en relación ao salario?

- Durante estes catro anos, a UXT asinou en Madrid a 9 de marzo de 2018 o segundo acordo para mellorar o emprego e as condicións de traballo. Este acordo nos implicou un incremento retributivo para os anos 2018, 2019 e 2020 e xa vimos na nómina de agosto deste ano a parte correspondente dende xaneiro de 2018. A iso temos que sumarlle o acordo que asinamos en verán, que é un acordo autonómico vinculado a este de 1.260€ anuais repartidos dende o 2018 até xaneiro de 2021. O segundo acordo para mellorar o emprego e as condicións de traballo posibilitounos a apertura de negociacións coa Consellería de Educación para homologar as retribucións correspondentes ao profesorado docente. Isto vai facer que, a xaneiro de 2021, un mestre ou un profesor de secundaria a sexenio cero aumenten máis ou menos entre 240 e 250€ a súa nómina. O bo que ten este acordo é que ten unha cláusula de revisión no terceiro trimestre de cada ano coa finalidade de analizar a desviación da posición relativa co resto de comunidades autónomas. No caso de baixar da posición sexta, a administración ten a obriga de volver a sentarse a negociar con nós. Polo tanto, un docente de Galiza, aproximadamente cun soldo de 2.000€ ao mes, vai a ver incrementada a súa nómina nun mínimo de 220€ e un máximo de 260€, aproximadamente, coa suma dos dous acordos.

- E en relación ao emprego?

- O que fixemos foi asinar o segundo acordo para mellorar o emprego e as condicións de traballo a nivel estatal. Este acordo foi ratificado a nivel autonómico con condicións concretas para a autonomía galega. Isto se plasma cunha maior oferta de emprego público nos últimos anos. No 2018 houbo 2.050 prazas que eu creo que é a maior oferta de emprego dende, se non me equivoco, 2007 ou 2008. O que posibilita isto é a reversión das políticas de recortes que tiña a Consellería de Educación e a estabilización do profesorado galego. O emprego do profesorado interino diminuíu nun 67%. Isto significa que o 67% de profesorado interino da Galiza adquiriu unha praza definitiva. Agora, isto si, unha demanda que ten a UXT é que veña sumado a un destino definitivo prontío, que non teñan que estar dez anos en expectativa de destino como está o profesorado de debuxo por exemplo, que leva dende o 2008 sen poder colocarse. É unha tarefa pendente para a seguinte candidatura.

- Que é o que acadastedes en relación aos dereitos?

- Recentemente na mesa xeral de empregados públicos, a instancias da nosa organización sindical, vimos de restituír o dereito de percibir o 100% das retribucións no caso dunha incapacidade temporal. A partir de xaneiro de 2018 xa non nos penalizarán por estar enfermos. Iso é un resumo do que conseguimos facer durante estes catro anos a maiores de seguir loitando polos dereitos tanto do profesorado coma do alumnado no tocante á atención á diversidade. Na nosa loita en relación a atención á diversidade, levamos dous anos seguidos de concurso xeral de traslados de Orientación para a Primaria a instancias da UXT. E tamén nas prazas de atención preferente para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que foi unha demanda única e exclusiva da nosa organización sindical. Ademais do acadado, temos que lembrar que fomos os primeiros en reivindicar un calendario escolar elaborado en base a criterios pedagóxicos e racionais e solicitar a regulación das materias afíns mediante unha materia de recollida e exercer reivindicacións de denuncia constante no campo das necesidades educativas especiais e atención á diversidade.

Comentarios