“Ao longo de tres días, nove especialistas afondarán nas circunstancias históricas e culturais que rodearon a creación e publicación en 1937 de 13 estampas da traizón, o primeiro álbum de debuxos de Seoane”, indica a institución nun comunicado. A obra é un virulento ataque contra o bando franquista, con evidente pegadas do expresionismo de esquerda e a caricatura política de George Grosz.
A quinta feira 1 de febreiro, a directora da fundación, Silvia Longueira, abrirá o ciclo. Despois será a quenda dos historiadores: Justo Beramendi disertará sobre o Partido Galeguista, ao que Seoane estaba adscrito durante os anos da República, e Emilio Grandío sobre “sublevación e control social nunha cidade ocupada”, en referencia á Coruña durante a guerra do 36.
Ao día seguinte, 2 de febreiro, o director da Biblioteca de Galiza da Cidade da Cultura, Daniel Buján, enacargarase de falar sobre o gravado na obra de Seoane. O historiador Eliseo Fernández tratará das relación entre o Partido Galeguista e a CNT, a cuxos militantes asesorou como avogado en non poucas ocasións. A profesora Pilar García Negro falará, pola súa banda, dos debuxos de guerra de Castelao.
No sábado 3 de febreiro o profesor Paulo Porta analizará outros debuxos de guerra, neste caso os do pintor pontevedrés Arturo Souto. María Antonia Pérez, que amais de coordinar as xornadas é codirectora canda Silvia Longueira, debruzarase sobre Seoane e Maruja Mallo “na propaganda de guerra en Bos Aires”. A proxección do filme documental 13 estampas da traizón, de Juan de la Colina, pechará os debates.
As xornadas Guerra civil, propaganda e artistas de Galiza serán nas propias instalacións da Fundación Seoane, da Coruña. A inscrición nas mesmas é de balde.
Nota: cuberta de 13 estampas da traizón de Luís Seoane.