A Fundación López Abente presenta a súa poesía completa na Coruña

Coa edición do escritor e investigador Miro Villar, a “Poesía Completa” de Gonzalo López Abente preséntase esta sexta feira no espazo cultural Portas Ártabras da Coruña, no marco do 50 aniversario do pasamento do poeta. 

López Abente
photo_camera López Abente

Editado pola fundación Gonzalo López Abente e Edicións Espiral Maior, dentro da colección Opera Omnia, o volume que contou con Miro Villar como editor literario, recolle os cinco libros editados en vida polo poeta, tres que foron publicados despois do seu falecemento e unha serie de poemas que se recuperaron de revistas, xornais e inéditos. Escumas da ribeira, Alento da raza, D´outono, Nemancos e Centileos nas ondas son os libros publicados en vida do autor e Bretemada, Decrúa e Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca son os que viron a luz despois do seu pasamento. A obra poética do muxián López Abente reúnese neste volume cando se conmemora o cincuenta aniversario da súa morte. 

O escritor naceu en Muxía, onde ten a sede a Fundación que leva seu nome, en 1878 e morreu na mesma localidade en 1963. Membro activo das Irmandades da Fala, López Abente apoiou a constitución do Partido Galeguista e participou na campaña de apio ao Estatuto. Foi tamén o primeiro presidente da Asociación de Escritores de Galiza, actividade toda que lle valeu un expediente de depuración e o cesamento do seu emprego no Banco Pastor. En 1941 ingresou na Real Academia Galega co discurso “A Terra e a poesía de Eduardo Pondal”, que o escritor, en tempos de persecución para a lingua, pronunciou en galego. 

A presentación terá lugar ás 20 horas desta sexta feira, 15 de novembro no espazo cultural Portas Ártabras da Coruña., da Asociación de Amigos dos Museos de Galiza. 

Comentarios