O funcionariado rebélase contra a proposta de conxelación salarial

Os sindicatos alzan a voz ante as intencións do Goberno español de conxelar o salario as traballadoras e traballadores públicos. Critican que son sempre o primeiro obxectivo cando se trata de realizar recortes no gasto e negan que nos últimos anos o seu poder adquisitivo se teña incrementado.
Empregados públicos (Foto: Europa Press / Arquivo).
photo_camera Empregados públicos (Foto: Europa Press / Arquivo).

O Goberno español ten que tapar un burato nas súas contas de 60.000 millóns de euros. Unha das medidas que contempla, aínda que agora afirma que o tema non está enriba da mesa, é a conxelación dos salarios das funcionarias e funcionarios públicos, unha medida que foi duramente contestada desde este colectivo. 

A ministra de Economía, a galega Nadia Calviño, defendía que nos últimos anos este colectivo gañou poder adquisitivo, xa que a alza dos soldos públicos foi superior á subida da inflación. 

O Goberno xoga co feito de que os prezos están moi contidos pola caída da actividade. O IPC está en negativo (-0.5 en xullo), polo que unha conxelación non  suporía unha perda de poder adquisitivo para estas traballadoras. 

Para o secretario nacional de CIG-Administración Pública, Xabier Picón, "é unha falacia que as funcionarias e funcionarios gañasen poder adquisitivo nos últimos anos". Como lembra a Nós Diario, coa rebaixa salarial do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero en 2010 e as "reiteradas conxelacións dos gobernos do PP", a perda de poder adquisitivo deste colectivo "está próxima a 10%".

Picón, que apunta que a mesa de negociación das Administracións Públicas segue pendente de xuntarse, considera que a conxelación "non sería unha saída xusta". Na súa opinión, o Executivo español pode compensar o desaxuste pola vía de incrementar os ingresos cunha redistribución fiscal máis xusta que permita, ao mesmo tempo, reducir a diferenza de oito puntos en materia de presión fiscal coa media da Unión Europea. "Os recortes non deberían ser nunca en salarios nin en políticas sociais", engade.

Felipe Balboa, secretario de organización da federación de Servizos Públicos de UXT Galiza, comparte a súa opinión. Considera que a conxelación salarial do funcionariado "non é a medida máis axeitada para reducir o gasto" da Administración, e menos nunha situación de contracción da economía.

'Paganinis' do Goberno

"Somos os que sempre pagamos as crises, primeiro con Zapatero no Goberno do Estado español e despois con Feixoo na Xunta", que, como recorda, entre 2013 e 2016 eliminou o complemento específico nas pagas extra das funcionarias e funcionarios, cun impacto de 3.000 euros de media por traballadora e ano, "que nunca se restituíu". 

Balboa exixe ao Goberno español e á Xunta "que deixen de lanzar globos sonda e se poñan ao que teñen que facer, que é contratar máis profesores e menos pantallas, que non xeran riqueza algunha".

Pola súa banda, Jose Francisco Sánchez Brunete, secretario de organización de CSIF Galiza, considera un "cachondeo" a proposta do Executivo de Pedro Sánchez. "Estamos fartos de ser os paganinis do Goberno de España. É un despropósito que o corpo de funcionarios sexa o peto onde os políticos metan a man", lamenta. E o feito de que Galiza estea polo fondo da táboa en retribucións "tampouco axuda", matiza.

"É un insulto á condición de empregado público", insiste Sánchez Brunete. "Cando na casa non dan as contas non podes meter a man no peto do veciño", exemplifica o responsábel de CSIF, e moito menos castigar colectivos como os corpos de seguridade ou as persoas que traballan na sanidade "que están a facer un grande esforzo e a dar o mellor de si nesta pandemia. Son heroes e non podes pagarlles así".

No seu lugar, avoga por reducir asesores e estruturas de goberno "que xeran moito gasto superfluo para comprar vontades políticas". "Hai moito onde recortar", conclúe.

Atrasos e mobilizacións

A cuestión salarial ten moitas frontes abertas. Onte mesmo, UXT e CSIF advertiron ao Goberno español de que, se non cumpre coa subida e os atrasos que debe ao persoal laboral da Administración Xeral do Estado  (AXE) haberá mobilizacións.

"Non parariamos até que tivésemos a consecución das nosas reivindicacións", apuntou o responsábel de UXT na negociación do Convenio Único da AXE, Gabriel Filipini, que afirmou que mesmo se contempla o chamamento á folga do persoal laboral se non se logran os obxectivos.

 Segundo os sindicatos, os atrasos nas nóminas das 40.000 persoas vinculadas a este convenio suman unha débeda de entre 357 e 1.325 euros, con efecto do 1 de xaneiro de 2019. "Foi asinado en marzo e vendido entre bombo e prato polo Goberno", lembra a representante de CSIF, Milagros Dorronzoro, que insiste en que o único que están a exixir é que se lles pague a estas traballadoras e traballadores o que se lles debe.  

Comentarios