“Aquel que fun e que non fun entóm”: Ferrolterra (1950-1990) (III)

En outubro de 1950 Carvalho Calero marchara de Ferrol a Lugo como conselleiro-delegado e profesor no “Fingoi, o mellor dos colexios posibles” (Ramón Reimonde (2010). En Lugo permaneceu até a súa incorporación en 1965 á docencia en Compostela, e nesta cidade residiu até o seu falecemento en marzo de 1990. 
Carvalho Calero e X.M. Dobarro (1981)
photo_camera Carvalho Calero e X.M. Dobarro (1981)

"Cando eu contaba sete anos, os meus pais planificaron unha viaxe a Lugo para visitar so meu tío Ricardo. Recordo que, a diferenza de outros encontros familiares, aquí percibín moita seriedade, que os adultos falaban de forma circunspecta pero a miña inocencia non alcanzou albiscar máis [...] Co paso dos anos a miña nai contoume cousas do seu irmán, a quen quería, respectaba e admiraba de forma intensa”. (Antonio Blanco Carballo, 2020).

“Unha vez, ao escoitar ler a D. Ricardo o comezo do Merlín de Cunqueiro: ‘Quizaves mellor que decila fora pintala, a fraga de Esmelle...’, fixen un xesto espontáneo e el comentou: aquí hai unha señorita que coñece un lugar que se chama Esmelle. Non pensei que, el tamén, puidese coñecer a parroquia de Ferrol así chamada. Non falaba de si nin da súa obra”. (Delia Vázquez Vázquez, 2010).

Nas décadas 1950-1970 raras veces viaxou Carvalho Calero a Ferrol, mais si colaborou coa revista ferrolá Aturuxo, tamén en 1953 redactou un escrito (inédito) en lembranza do pintor d’O Seixo Bello Piñeiro, falecido o ano anterior. Despois a súa primeira visita pública a súa cidade foi para ser nomeado en 1978 Ferrolán do Ano polos periodistas locais, honor que moito o aledou.

Cadrando co inicio da “marxinación e inxusto silencio sobre do que o seu labor foi obxecto por parte do estamento oficial” (Victoria Carballo-Calero Ramos, 2019), en novembro da 1981 a corporación de Ferrol acordou a reposición honorífica de RCC como funcionario municipal e nese decembro a S.C. Medulio de Ferrol organizou un ciclo de conferencias con presenza de RCC, ofrecéndolle dese xeito a primeira homenaxe pública despois da súa xubilación como catedrático “pola súa fidelidade á causa de recuperar para o seu país a súa propia cultura”; a mesma entidade fixou en 1982 unha placa na súa casa natal. Nos anos seguintes. Carvalho Calero, feliz, acudiu a Ferrol a diferentes acontecementos: xurado no premio Esquío de poesía en 1982, inauguración da sé do Ateneo en 1983, conferencias en 1985 e 1986 sobre Ferrol nas letras e na cultura galegas, e, finalmente, para ser nomeado Fillo Predilecto de Ferrol:

“O derradeiro acto público do profesor Carvalho Calero tivo lugar no salón de plenos da casa do concello de Ferrol o 7 de xaneiro de 1990. En solemne sesión plenaria recibiu o título de Fillo Predilecto da cidade por acordo unánime da corporación municipal presidida, na altura, polo alcalde Manuel Couce Pereiro.

Na súa intervención don Ricardo destacou que ‘A corporación municipal, actuando en calidade de consello de familia, tributa hoxe ao máis humilde dos seus fillos a honra de incorporalo á serie daqueles ilustres nados ou aviciñados na nosa cidade, que tanto teñen contribuído a elevar a nosa cultura até límites coñecidos en todo o país’. Carvalho Calero, que se definiu como un 

‘ferrolán enxebre’, xa que naceu no barrio de Ferrol Vello, o primitivo núcleo da cidade, finalizou a súa intervención pedindo aos ‘que neste momento e no futuro rexan a corporación municipal, e teñan dalgún modo nas súas mans as chaves do destino da miña querida cidade, sexan capaces de chegar a acordos que lles permitan afrontar os nosos problemas co mesmo espírito de ferrolanía co que, unanimemente, tributaron este honor inmerecido ao máis humilde dos seus fillos’. Nin da súa intervención, vibrante e de espléndida oratoria, nin do baril porte que mantivo durante todo o acto e recepción posterior, podía desprenderse que estaba a padecer unha traizoeira enfermidade”. (Xaime Bello Costa, 2020).

Don Ricardo deixou Ferrol aquel 7 de xaneiro para ser ingresado no Instituto Policlínico A Rosaleda onde faleceu o 25 de marzo.

“Carvalho Calero declarou sempre, con íntimo prazer a até con inocente orgulho, a súa orixe ferrolana, e toda a súa vida seguiu sentindo-se ferrolano, e interesado pola vida da súa cidade nativa. E por iso se sentiu tão honrado de ser nomeado seu filho predilecto. Também para a cidade, e para os ferrolanos todos (tanto para os nativos como para os que somos adoptivos) a sua figura e a sua lembrança constituem -e constituirão sempre- un motivo de honra”. (Montero Santalha, 2010)

No último decenio da súa vida e durante trinta anos despois do seu pasamento, o mundo académico e oficial teimou en ignorar e mesmo difamar e alcumar pexorativamente a don Ricardo. Nesa xenreira influíu decisivamente o feito de don Ricardo defender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico galego-portugués e máis aló, opción diferente á oficial. Mais tamén pesou, e moito, a súa independencia cívica, a súa exemplar dignidade persoal e a súa coherencia fronte aos que, como el escribiu, o deixaran só, “fundando unha colónia co mesmo nome”.

En paralelo, nese tempo medrou o afecto e respecto cara a el entre outros sectores da galeguidade, menos institucionais e ben máis dinámicos, coñecedores do inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, académico, lingüístico, docente, político..., a prol da Galiza, da nosa lingua e da nosa cultura durante máis de sete décadas por man de tan “esgrévio” galeguista. Por tal, Ricardo Carvalho Calero, un xigante que fora “expulsado do trato respectuoso que por tal merecía”, dende o ano 2000 ao 2018 foi proposto como candidato ás Letras Galegas en sete (senón oito) ocasións, en todas rexeitado. Cando, ao fin, a RAG decidiu escollelo para protagonizar as Letras Galegas do 2020, unha peste que nos ten recluídos e illados fai imprescindible prorrogar o Ano Carvalho todo o 2021.

Texto extraído de O Carballo que fun en Ferrol: aproximación a Ricardo Carvalho Calero, Club de Prensa de Ferrol, 2020.

[Artigo patrocinado pola Deputación da Coruña]

DepCor_horiz

Comentarios