1910-1926
Ferrol: “Ao longo do mar espreguizába-se a cidade. Primeiro fora unha pequena vila de peixeiros, de balcóns pintados de azul; con tabernas, ruas estreitas e un pazo. Logo, o despotismo ilustrado tendeu novas e longas ruas paralelas cortadas por outras ruas paralelas, todas da mesma anchura, e numerou as mazás de casas. Así xurdiu o centro da cidade, con casas de tres pisos e galerías brancas. A cidade estendía-se de leste a oeste, a beira do mar, de sul a norte ficaba en costa. A gente paseaba de leste a oeste. Os estaleiros e os arsenais ficaban afastados da vila por un murallón, e estorbaban á cidade a vista do mar. Só por tres pontos o atingian os que non formaban parte da mariña de guerra ou non traballaban nas construccións navais. Só por tres pontos: tres peiraos.
A cidade estaba cheia de mariñeiros e soldados. Os desfiles militares eran moi vistosos, pois había triscórnios, cascos e penachos. [...] Daquela non había automóveis, senón coche de cabalos. Non había condución de augas. Había mulleres que arrecadaban en sellas a auga das fontes, en formosas sellas de aros dourados. As ruas estaban enlousadas con grandes lousas, aínda ficaban soportais nalgúns lugares”. (RCC, en O lar de Clara)
Ferrol Vello: “Aquilo era un bairro cheio de sonidos de cornetas, cornetas do Parque do Arsenal, e de pregóns populares das vendedoras, principalmente das vendedoras de peixe. Na Praza do Marqués de San Sadurniño, é dicer, na Praza Vella, celebrában-se certos mercados [...]. Entón a cidade, na que dominaba en xeral o elemento militar, os soldados, os mariñeiros, enchía-se de vida campesiña”. (RCC, en Fernán-Vello / Pillado Maior, 1986).
Serantes: “Pasabamos o verán na aldea. O meu pai ía de mañanciña traballar á cidade. [...] Non víamos o mar dende o val aquel, mais se subíamos, como as veces o fixemos, ao máis alto da liña de alturas que, a unha e outra banda limitaban o val,o mar aparecía perante os nosos ollos, pois realmente estaba moi próximo. Víamos a cidade, coas súas instalacións militares, e, máis alá do murallón, os arsenais e os estaleiros. Noutra dirección unha ancha praia, cunha lagoa litoral” (RCC en O lar de Clara).
A Cabana: “Ja esquecín cantos foron os anos que pasámos naquela casa á beira do mar. Viñamos da cidade en coche de cabalos para instalar-nos nela, e volvíamos do mesmo jeito. Era unha viage curta. Mais non o faciamos máis que ao principio e ao fin da temporada. O meu pai, e calquer persoa da familia que tivese que facer unha visita á cidade, cruzaba a ría en lancha de vapor, bote ou buceta. Un pequeno peirao, próximo á nosa casa alugada, servía de base ás embarcazóns que facían a travesía” (ibidem).
1931-1936
“Regresei á miña casa na beira do mar unha vez rematei a carreira de Dereito. Vivía en Ferrol coa miña familia na rua de Sinforiano López, número 183 [...] o meu encanastrado estudo de estudante, nun cuarto piso da rúa Real. O piso tiña por diante dúas trapelas. Contaba con cinco amplias habitacións, unha galería e un miradoiro con cristalaría por tres lados. Dende alí víanse os arsenáis, a ría e, enfrente, ‘a outra banda’”. (RCC, en Montero Santalha, 1993).
s.d.-1932.- “No grupo [Galeguista] de Ferrol andamos a organizar conferencias, contamos con que veñas ti [del Riego] en primeiro lugar, despois Otero, Castelao, López Durá”. (RCC, en Vilavedra / Pena, 2006).
XI-1932.- “Como saberás pol-a Prensa, xa nos deu Castelao a súa conferenza prometida, e o prestixio do Grupo [Galeguista] continúa medrando”. (ibidem).
II-1933.- Aos irmáns del Riego, Tenreiro, Aguiar e demais estudantes galeguistas: “Non é a miña situación presente moi a propósito pra invertir o meu tempo en redactar manifestos, pero craro está que desque hoxe recibín a vosa tarxeta, non estudei nin fixen tal que traballar no encárrego. Efeitivamente, agora, ás seis menos cuarto, din por rematada a miña laboura. Ahí vos vai, a volta de correo”. (envío do manifesto “Aos escolares, aos Universitarios, aos galegos”, (ibidem).
V-1933.- “Ando tan enguedellado con cousas do Axuntamento e tantas outras que non dou feito [...] dispoño de moi pouco tempo, non teño vagar nin cartos, como empregado municipal gaño vintecinco pesetas nada máis [...] Sobre o asunto de A. nós levamos camiños distintos, gardádevos de seguilo nos seu excesos. O peor que lle pode pasar ao galeguismo é convertirse nunha xuntanza de esaltados visionarios sen método nen mesura”. (ibidem).
“En fermosos e lonxanos días primaverás Felipe Bello Piñeiro tecía un monllo de frores no seu xardín do Seixo para a dona que connosco o visitaba. Tamén alí, na beiramar frondente, lía unhas verbas en loubanza dun mozo [o propio RCC en 1933] que ía falar á xente de poesía galega”. (RCC, 1953, inédito).
VIII-1935.- Mitin en Ferrol: Tivo lugar no Teatro Jofre compretamente cheo. Deu comezo ás dez e media da mañá. En nome do Grupo orgaizador abriu os discursos o irmán Carballo Calero quen pronunciou breves e concretas verbas. Saúda “aos presentes e a todos os xunguidos a nos pol-o común desexo de superar a actual e inxusta orgaización do estado. Iste saúdo -engade- é especialmente agarimoso para os afiliados aos partidos Socialista e Izquierda Republicana, porque estas dúas agrupacións políticas representan no Ferrol a coalición gubernamental que baixo a dirección de Azaña realizou o único ensayo de República que se ten feito dende o 14 de Abril. Os diputados galeguistas nas constituíntes apoiaron as liñas xeraes a obra do bienio. Cara a situación actual o noso Partido adopta unha postura de oposición. O Galeguismo ten un cauce xurídico dentro da Constitución, pero as forzas que gobernan son nemigas d-ise esprito. Non queremos unha República que sexa un mero fetiche oco, senon unha República de contido republicano”. (ANT, nº 362, 14-IX-1935).
“Todo galeguista de aquela época era auto determinista, consideraba que Galiza era unha nación e que, por tanto, tiña dereito a escoller o seu destino” (RCC en Blanco, 1989).
[Artigo patrocinado pola Deputación da Coruña]