O Fuenlabrada xa suma 12 contaxios na Galiza, máis catro que ficaron en Madrid

No Goberno español recúan nas súas críticas: "O protocolo non fallou". Pola súa banda, Galiza xunta portas para pedir xustiza.
A pesar de que os datos non distinguen entre xogadores ou cadro técnico, 'Nós Diario' confirma que hai varios futbolistas positivos.
photo_camera A pesar de que os datos non distinguen entre xogadores ou cadro técnico, 'Nós Diario' confirma que hai varios futbolistas positivos. (Foto: Nós Diario).

O escándalo do xa coñecido como "Caso Fuenlabrada" non para de aumentar. Durante a tarde de hoxe fixéronse públicos  os resultados das novas probas realizadas á expedición do Fuenlabrada desprazada a Galiza para participar no partido contra o Dépor da derradeira xornada da Segunda División, confirmando aínda máis positivos en Covid-19.

Ademais, as fontes da sospeita aumentan sobre o Club de Fútbol Fuenlabrada, que pasadas as seis da tarde de onte anunciaba que sumaba 10 contaxiados na Galiza máis catro en Madrid, cando a esa hora, segundo fontes sanitarias consultadas por Nós Diario, non estaban rematadas as análises das mostras tomadas ao conxunto madrileño que se estaban a realizar na Coruña.

De feito, pasadas ás 22.30 da noite o Sergas emitía un comunicado confirmando que eran 12 os contaxiados, e non escondía o seu malestar coa Liga e o Fuenlabrada por "reincidir na realización de test sen comunicarllo previamente ao departamento de Saúde Pública da Xunta da Galiza, tal é como establece a normativa vixente" e "coñecer do resultado de cinco novos positivos no plantel do cadro madrileño a través dos medios de comunicación"

Así mesmo, Saúde Pública lamenta o carácter reincidente deste tipo de comportamentos "que incumpren a normativa vixente en materia de comunicación obrigatoria das enfermidades infecto-contaxiosas", como é o caso da covid-19, e anunciaba que o novo incidente que tivo lugar na xornada de onte será incorporado ao expediente aberto polo servizos de inspección de Saúde Pública a pasada segunda feira.

Ao mesmo tempo, a presión a todos os niveis sobre o Fuenlabrada e a Liga de Fútbol Profesional (LFP) non para de crecer... con excepción do Goberno español. Tan só un día despois de que o Consello Superior de Deportes (CSD) acusase a LFP de "neglixencia" e de "non respectar o protocolo" contra a Covid-19 -que desembocou na ruptura de relacións unilaterais por parte da Liga entre ambos os organismos- o ministro de Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, saíu a botarlle un chaleco salvavidas a Javier Tebas, presidente da LFP.

"A Liga desenvolveuse con absoluta normalidade, pero é certo que no último momento sucedeu o do Fuenlabrada, así que haberá que ver que pasou, pero non quero anticipar acontecementos", comentou Rodríguez.

O ministro, ademais, quixo suavizar a contundencia coa que se expresaran desde o Consello Superior de Deportes: "O que quixeron dicir é que puido haber algún problema de información, pero a Liga desenvolveuse con absolutas garantías durante moitas xornadas, mais os protocolos foron ratificados por Sanidade e expertos sanitarios e están ben feitos".

Galiza xunta forzas

O caso dos positivos do Fuenlabrada hai moito que transcendeu as fronteiras meramente deportivas, como demostran as queixas da Cámara de Comercio e da Confederación de Empresarios da Coruña.

Os primeiros denuncian os danos que está causando á economía local, especialmente ao sector hostaleiro, nunha postura que o segundo grupo ratifica engadindo, ademais, o seu apoio ás medidas legais anunciadas por institucións como o Concello da Coruña.

O consistorio dirixido pola socialista Inés Rey presentou na mañá de onte un escrito ante o fiscal xefe da Audiencia Provincial no que exixe a apertura de dilixencias para esclarecer "por que non se informou ás autoridades sanitarias do primeiro positivo no cadro de xogadores e porque viaxaron até A Coruña". Ademais, a alcaldesa apostilou que tamén solicitan ao fiscal "que decida se existen responsabilidades penais ou pola vía administrativa".

Polo contrario, en declaracións públicas, o seu homólogo fuenlabreño, o tamén socialista Francisco Javier Ayala, expresou "todo o apoio" ao Club de Fútbol Fuenlabrada fronte ás "inxustas acusacións" de Inés Rey, das que condenou o seu "ton", e fixo un chamamento a "rebaixar a tensión" pero sen facer un só ápice de crítica ao equipo da súa cidade.

Comentarios