Imprimir

Fruga reitera que os fondos da PAC deben ir a profesionais da actividade agropecuaria

Redacción | 22 de xullo de 2020

Vacas pacendo (Europa Press).
Vacas pacendo (Europa Press).

“É o momento de priorizar o destino dos apoios”, indica perante o recorte nas partidas.

Fruga mostra a súa preocupación polo feito de que os fondos europeos destinados ao sector agropecuario baixan de 383.000 millóns de euros para 336.444 millóns de euros.

 

Así, manifestan nun comunicado, o orzamento do primeiro alicerce, destinado ao apoio directo ás rendas, vaise ver rebaixado, “pasando dos 286.143 millóns de euros aos 258.600, o que supón unha rebaixa de 9,63%, e o segundo piar, o do desenvolvemento rural, tamén se verá afectado por unha rebaixa que oscila entre o 19,7 por cento e o 11,2%”.

Ante este escenario, a Fruga lembra que os pagamentos da PAC “seguen a beneficiar un importante número de destinatarios que non teñen a actividade agropecuaria como actividade principal”.

Así, indican, o 80% das axudas da PAC son cobradas soamente polo 20% dos e das beneficiarias, pola contra o 80% de beneficiarias téñense que conformar co 20% do orzamento, “unha distribución a todas luces inxusta”.

“Sendo o Estado español o segundo estado da UE que mais orzamento recibe das axudas da PAC após o francés, resulta que o importe dos apoios que reciben as explotacións galegas son dos mais baixos de toda a UE e isto é debido a que o Estado español sempre priorizou, no criterio de reparto, aos grandes propietarios, moitos deles absentistas, e que, na maior parte dos casos, non se dedican profesionalmente á actividade agropecuaria”.

Fruga, pois, reitera que os apoios do primeiro piar da PAC (axudas directas á actividade agrogandeira) “teñen de ir dirixidos a aquelas persoas que teñen a actividade agrícola e gandeira como actividade principal, é dicir aquelas persoas que cando menos obteñan o 50% da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación, e que o tempo dedicado a actividades non relacionadas coa súa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total, co fin de evitar que as axudas acaben nas maos de especuladores e entidades que nada teñen a ver coa nosa profesión.”

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/fruga-reitera-fondos-da-pac-deben-ir-profesionais-da-actividade-agropecuaria/20200722133031101884.html


© 2020 Nós Diario