Fruga afirma que a Xunta non está a pagar todas as axudas da PAC de 2014

A Federación Rural Galega alerta do impacto dos retrasos no impagamento sobre as explotacións galegas.

rural

A Federación Rural Galega afirma que a Xunta non está a pagar as axudas da PAC para a campaña 2014 en todos os casos e di que “se descoñecen” os criterios que está a seguir a Consellería de Medio Rural. “Ese diñeiro é das labregas e labregos e non da Xunta da Galiza. As axudas PAC son en moitos casos un complemento económico imprescindíbel para a sustentabilidade de moitas explotacións”, sinala a organización agraria. Na campaña 2014 na Galiza presentáronse 34.444 solicitudes (35.551 no ano anterior, que cobraran en total 125.987.901,54 euros). Nas explotacións de leite, a FRUGA bota man de informes elaborados por técnicos da Consellería no ano 2011, e afirma que as axudas viñan supondo un 10% dos ingresos da explotación, mais se a comparación se fai a respecto da marxe líquida as axudas veñen a representar o 50%, e se se compara co lucro ( restando custes de oportunidade) “sen as axudas o resultado sería cero ou mesmo negativo”.

No caso das explotacións galegas de carne segundo a “Red Nacional de Granjas Típicas” do MAGRAMA, con axudas por vacas aleitantes, esta axuda “vén supor aproximadamente un terzo dos seus ingresos. Neste caso sen axudas directas non se cubrirían os custes efectivos”.

Comentarios