Opinión

Fronte sindical por un marco propio de relacións laborais

As organizacións sindicais máis representativas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya -CIG, ELA, LAB e CSC- asinaron o pasado día 5 de febreiro unha declaración político sindical, impulsada pola CIG, para esixirlle ao Goberno español un cambio profundo para avanzar en democracia, soberanía e xustiza social. O acto tivo lugar nas antigas instalacións dos estaleiros Euskalduna de Bilbo, escenario das longas, heroicas, afoutas e duras loitas dos anos 80 contra o desmantelamento inxustificado por parte dun Goberno “socialista”.

Un lugar acaído para lembrar o trato que a esquerda española tivo ao longo destas décadas coa clase traballadora das nosas nacións, xa que de maneira cíclica despois dun proceso de falsas esperanzas e promesas -que implican a desmobilización das clases populares- aplicaron duras políticas e reformas antiobreiras e antidemocráticas que empeoraron as nosas condicións de traballo e de vida.

O mesmo sucede agora tras unha década de crise coas reformas laborais e da negociación colectiva aprobadas en 2010, 2011 e 2012 polos Gobernos do PSOE e do PP, que afondaron na liña neoliberal de individualización, desregulación e precarización das condicións laborais.

No caso galego, estas reformas provocaron unha alarmante perda de poboación activa na mocidade vía emigración e un empobrecemento xeneralizado da poboación asalariada. De feito, o salario medio no noso país é un 23% inferior á media europea, consecuencia directa do aumento do sector servizos, con soldos máis baixos e enormes bolsas de precariedade. Pola contra, os sectores con mellores condicións laborais esmorecen, sumíndonos nunha crise industrial sen precedentes que golpea a nosa nación de norte a sur.

Fronte a esta situación de emerxencia social e laboral, na declaración do Euskalduna reclamamos “o dereito a decidir no noso ámbito o modelo de relacións laborais e a negociar as condicións de traballo nos nosos respectivos países, derrogando as reformas da negociación colectiva que incentivaron a estatalización das relacións laborais e, con iso, deron máis amplitude á precariedade e aos baixos salarios”.

Mentres isto sucede, vemos como a nova ministra de Traballo pasou en cuestión de días de reclamar a derrogación da reforma laboral do PP a eliminar só os aspectos “máis lesivos”; de solicitar o aumento do salario mínimo a 1200 euros a aceptar a proposta patronal, deixándoo moi lonxe do 60% do salario medio que recolle a Carta Social Europea que ela mesma esixía aplicar días antes de tomar posesión.

Máis sorprendente aínda é o exercicio de amnesia por parte dos dous partidos da coalición de Goberno. Unha vez no poder esqueceron falar da derrogación da reforma laboral de 2010 aprobada polo PSOE, que centralizou a negociación colectiva e atacou os convenios sectoriais provinciais e autonómicos, furtándolle ás persoas traballadoras o poder de decisión sobre as súas condicións laborais e entregándollo aos sindicatos estatais pactistas.

Deste xeito, proliferan os convenios estatais que cronifican os salarios de miseria, a pobreza laboral e a precariedade extrema. Convenios que sen ningún tipo de vergoña inclúen cláusulas que limitan -cando non prohiben- a negociación en ámbitos inferiores que melloren as condicións de vida das persoas traballadoras, como sucede en Galiza e en Euskal Herria.

É por iso que se fai máis necesaria ca nunca a loita por un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais, con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación no mundo do traballo, como exercicio dun dereito democrático que rache coa tendencia dominante de centralización do poder; pero sobre todo para garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para a clase traballadora de Galiza.

Comentarios