“Franco tiña unha finca que se chamaba España”

Entrevistamos o historiador Ángel Viñas (Madrid, 1941), cuxo último traballo (“La otra cara del caudillo”, Ed. Crítica) desmonta, a través dunha análise rigorosa dos datos, a imaxe austera de Francisco Franco. Viñas indaga na orixe do patrimonio que o ditador ferrolán fixo durante a guerra (34 millóns de pesetas de 1940) e relata algúns dos fitos que lle permitiron saír dela literalmente multimillonario

Ángel Viñas
photo_camera Ángel Viñas

O último traballo do historiador Ángel Viñas (Madrid, 1941) non está a ter toda a repercusión que merece un libro (La otra cara del caudillo, Ed. Crítica) que desmonta, a través dunha análise rigorosa dos datos, a imaxe austera de Francisco Franco. Nel, Viñas indaga na orixe do patrimonio que o ditador ferrolán fixo durante a guerra (34 millóns de pesetas de 1940) e relata algúns dos fitos que lle permitiron saír dela literalmente multimillonario. Un destes episodios de corrupción ten a ver coa doazón de 600 toneladas de café que o seu homólogo brasileiro, Getúlio Vargas,  fixo ao Estado español en 1938. Baixo a dirección de Francisco Franco Salgado-Araújo, curmán e responsábel da Secretaría de Estado de Franco, o cargamento entregouse á Comisaría de Abastecementos e Transportes para que o distribuíse polos gobernos civís, que se encargaron de vendelo ao prezo público marcado pola administración (12,48 pesetas o quilo). Viñas descubriu no arquivo do Palacio Real que a recaudación total ascendeu a 7,5 millones de pesetas, exactamente, di, o importe que figura na relación de contas de Franco ao remate do conflito bélico.

A corrupción foi sistemática. Non podía selo doutro xeito nunha economía hiperintervida na que se precisaban permisos administrativos para todo, cunha fundamental escaseza de materias primas e alimentos como non se rexistrara antes na Historia de España

- Cal é a “outra cara do caudillo" e por que cre que ten prevalecido durante tanto tempo a imaxe de austeridade da súa figura?

- Neste libro sinalo a outra cara en tres das súas manifestacións. A primeira, como proxector, isto é, vilipendiando achacando aos outros (os “roxos”, os republicanos) o tipo de comportamento propio. En segundo lugar, a súa querencia pro-nazi, deslumbrado por Hitler e utilizando un resorte  propio do mesmo como foi o autoconsiderarse fonte do Dereito. O terceiro, a noción de que foi un home esencialmente austero, algo rotundamente falso. O por que prevaleceu o contrario débese a tres factores. Un, que non sentía a necesidade de abordar a cuestión porque, á fin e ao cabo, Franco tiña unha finca que se chamaba España. Dous, polo nimbo de virtudes que os seus partidarios lle atribuíron, antes e, se me apura, aínda hoxe. E, tres, porque non se atoparan os papeis que demostraron o contrario.

- No libro fala de casos concretos, como o café do Brasil. Como perxeñou o ditador esta operación?

- De man mestra. Aproveitou un regalo que lle fixo aos españois o ditador brasileiro Getúlio Vargas e traspasou 600 toneladas de café en gran á Comisaría de Abastecementos e Transportes  (organismo dependente do Ministerio de Industria e Comercio), co rogo, iso si, de que o contravalor a prezo de taxa se pagara por adiantado. Calou que dito contravalor o ingresaría nas súas contas particulares.

Na medida en que a vontade de Franco era fonte de Dereito (ou o que pasaba por tal cousa), Franco non podía facer nada ilegal

- A corrupción da que se beneficiou persoalmente o Xefe do Estado foi puntual ou sistemática ao longo dos 39 anos ditadura?

- A corrupción foi sistemática. Non podía selo doutro xeito nunha economía hiperintervida na que se precisaban permisos administrativos para todo, cunha fundamental escaseza de materias primas e alimentos como non se rexistrara antes na Historia de España. O consumo de víveres estaba superracionado e non existían prensa libre, tribunais libres, oposición libre, a vontade de Franco era lei sen contrapeso ningún e a represión era multiforme e por calquera motivo, real ou inventado, aplicábase sen discriminación. Existen multitude de testemuños estranxeiros que a revelan.

- Por que cre que existe tanta connivencia por unha parte dos historiadores coa figura de Franco?

- Ben, iso depende de que tipo de historiadores. Por regra xeral, desde a esquerda se lle ten acusado de todo. Desde a dereita tense feito todo o posíbel por defendelo e reducir as súas trasnadas. Eu limítome a analizar o seu comportamento na medida en que pode inferirse da documentación interna da ditadora. Agás Paul Preston, non o fixeron moitos outros historiadores.  

A democracia ten sido supertolerante. Non podía ser menos. Franco morreu na cama. Non foi desposuído do poder 

- Existe algún estudo sobre o patrimonio que fixo o ditador ao longo de todo este periodo?

- Si, mais de carácter xornalístico. O problema, coma sempre, son as fontes. Moitas teranse perdido ou destruido. Se no arquivo do Palacio Real se atopa unha parte da documentación da casa civil é por pura chamba.

- Como cre que debería terse xestionado a restitución ou devolución dese patrimonio após a morte do ditador? Foi tolerante a democracia coa súa familia?

- Esas son preguntas metahistóricas. Na medida en que a vontade de Franco era fonte de Dereito (ou o que pasaba por tal cousa), Franco non podía facer nada ilegal, así que a restitución ou devolución non se formulou xamais. Non existía, nin existe, base legal que poida aplicarse retroactivamente. E si, a democracia ten sido supertolerante. Non podía ser menos. Franco morreu na cama. Non foi desposuído do poder a raíz de ningunha derrota militar ou revolución.

- É a española unha situación atípica a respecto do resto dos caudillos e ditadores europeos e americanos da época en relación coa lexitimidade da orixe do seu patrimonio?

- Na medida en que poido respostar esa cuestión, que é peliaguda, eu diría que é relativamente típica. Téñoa comparado no meu libro co caso de Hitler, que está ben estudado. Neste, unha parte foi á familia, outra ao Estado bávaro e outra parte foi destruída, xa que consistía en inmóbeis. As obras de arte, en xeral de segunda categoría, caeron no pote común no que se meteron as que foron obxecto de rapina polos xerifaltes nazis. Mais a situación de Franco, morto en cama tras case corenta anos de poder máis ou menos absoluto, é moi diferente.

Neste número do semanario Sermos Galiza,o 194, levamos unha ampla reportaxe sobre o patrimonio da familia Franco na Galiza. Podes obtelo aquí.

Comentarios