Opinión

Francisco Rodríguez enfadado

Non son experto en Rosalía, con todo, despois de ler a crítica de Francisco Rodríguez á biografía que, sobre esta autora, se vén de publicar, tendo a crer que acerta en moitos aspectos. A súa argumentación parece aguda e fundamentada, como por outra parte non debe sorprendernos en quen leva moitos anos dedicado ao estudo da nosa escritora de cabeceira. Polo demais, debo dicir que comparto con Rodríguez moitos dos seus puntos de vista previos.

Pero non é isto o que me motiva agora a escribir. O que me motiva é observar, máis unha vez, a incapacidade de Francisco Rodríguez para buscar complicidade en quen non asume ao cento por cento as súas posicións. Algo que, polo demais, xa lle ocorreu moitas veces tamén en política.

Francisco Rodríguez pídelle á autora da biografía, María Xesús Lama, que dialogue coas fontes, aínda para contradicilas, pero ao mesmo tempo non dubida en acusala, por exemplo, de “covardía extrema”.

O que me motiva é observar, máis unha vez, a incapacidade de Francisco Rodríguez para buscar complicidade en quen non asume ao cento por cento as súas posicións

Cabe considerar que cualificacións como “covardía extrema” ou “artificiosa candidez” poden ser admisíbeis nun debate intelectual e que non hai porque estender a súa interpretación a ningún outro terreo. Pero serían admisíbeis só se María Xesús Lama e Francisco Rodríguez se situasen en campos diametralmente opostos no debate. Responde iso á realidade? 

O propio Rodríguez debería saber que con esa exclusiva da patente de honradez, que o seu escrito indubidabelmente transpira, todos somos canallas intelectuais en potencia, e mentres non se demostre o contrario. Aínda que el mesmo se queda co xuízo da demostración. Estamos así fatalmente pillados, non nunha espiral nin nun labirinto, senón nun círculo vicioso.

A crítica vén ademais xusto despois de que nunha entrevista, tamén en Sermos, Rodríguez realízase moitas afirmacións sobre política e cultura coas que en bastantes casos coincido, pero usando un ton, entre o enfado irremediábel e a apocalipse próxima, que obviamente só consegue distanciarme. Quizais é ilustrativo aquí ese principio da bioloxía que di que un medicamento convértese en veleno se o aplicamos na dose inadecuada.

Ben vida sexa, en todo caso, a homenaxe que o autor do xa histórico Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza acaba de recibir, tamén estes días, en Ferrol. Pero creo que un referente político e intelectual, como é o seu caso, debería aspirar a que o homenaxeasen non só os que coinciden plenamente con el. Digamos que Francisco Rodríguez debería ser tamén un símbolo para os que coinciden con el só ao 70%.  

Comentarios