Francisco Jorquera: “Empregaremos todas as ferramentas fronte ás políticas que vaian contra Galiza e o pobo"

Francisco Jorquera Caselas preséntase ás eleccións como candidato á presidencia da Xunta polo BNG. A súa participación na política galega comezou hai máis de trinta anos cando militaba en ERGA e durante os últimos anos representou a Galiza como deputado parlamentar no Congreso español. 
Este ferrolán encabeza un proxecto político que define como "a única alternativa ao Partido Popular".
Francisco Jorquera, candidato do BNG
photo_camera Francisco Jorquera, candidato do BNG


En varias ocasións asegurou que serán insubmis@s á política de recortes. No concreto, que supón ese compromiso? Até onde están dispost@s ao levar?

No BNG estamos dispost@s a defender o autogoberno e a xustiza social até as últimas consecuencias e converternos nun dique de contención contra a política de recortes. Neste sentido, empregaremos todas as ferramentas posíbeis mesmo presentando recursos de inconstitucionalidade fronte ás políticas que sexan contrarias aos intereses de Galiza e das maiorías sociais. Asemade, empregaremos a mobilización social como resposta e chave perante os recortes.

Fala de ampliar o autogoberno para avanzar cara á soberanía...

"O noso obxectivo é construír unha fronte contra os recortes"

O noso proxecto é claramente soberanista pois entendemos que a sociedade galega ten que ter capacidade de decisión sobre os seus recursos e sobre aquelas cuestións que lle afectan, para superar a crise. Porén, non constituiremos un goberno de gabinete senón que o BNG aspira a ser un goberno de praza pública, un proxecto aberto que conte coa participación da cidadanía, dos movementos sociais... O noso obxectivo é construír unha fronte contra os recortes para o que crearemos unha corrente en favor dun maior autogoberno máis sempre en chave soberanista. É evidente que o actual marco político-xurídico está esgotado como tamén o está a Constitución española, por tanto, deberá ser reformada e superada. Se foi posíbel mudala pola vontade de Merkel tamén o deberá ser pola loita dos pobos.

"Poñer o país a producir" é unha das principais ideas da súa campaña. Como o farán posíbel?

Galiza debe aproveitar as súas potencialidades pois é un país rico, mais que non ten goberno. Desde o BNG apostamos pola defensa dos nosos sectores produtivos, como o pesqueiro –un dos máis prexudicados polas políticas do goberno español e da Unión Europea--, o sector agrario ou o enerxético –un dos nosos sectores punteiros--.

"O BNG defende un proxecto de país que produza e que non sexa dependente do consumo de produtos procedentes de fóra"

Porén para poñer este país a producir serán precisas maiores cotas de autogoberno que permitan, por exemplo, que Galiza posúa un réxime tarifario propio e poidamos sacar un maior rendemento da nosa produción enerxética. Neste sentido, o BNG defende un proxecto de país que produza e que non sexa dependente do consumo de produtos procedentes de fóra.

Están a pedir o voto das e dos traballador@s para @s defender desde o Parlamento...

Pedimos o voto das maiorías sociais, dos traballadores, dos pequenos empresarios, autónomos... dos colectivos sociais máis prexudicados polas políticas do goberno de Núñez Feijóo, Rajoy e a Unión Europea. Así pois, confiamos en que o BNG sexa o seu referente de cara ao 21 de outubro.

No seu programa comprométense a derrogar as leis de familia e de axuda á maternidade. Cales son as súas propostas en materia de igualdade?

As políticas de igualdade que compoñen o noso programa electoral están nas antípodas daquelas que defende o Partido Popular. Os exemplos que citas reflicten a ideoloxía reaccionaria, integrista e patriarcal da dereita. Parécenos incríbel que non teñan botado do partido a Castelao Bragaña despois das súas declaracións, o que dá conta do seu concepto de igualdade.

"As políticas do PP levan as mulleres a ser confinadas no fogar"

As súas políticas levan as mulleres a ser confinadas no fogar e a encher o baleiro dos seus recortes en servizos sociais obrigándoas a coidar as persoas dependentes, as crianzas... No BNG reforzaremos os servizos públicos para rachar con esta lóxica e pularemos por un marco galego de relacións laborais a prol da igualdade real dos salarios entre mulleres e homes. Tamén así, defendemos o dereito ao aborto libre e gratuíto.

As sondaxes apuntan que o BNG podería aumentar o seu número de deputad@s. Que resultado agarda o vindeiro 21-O?

A sociedade galega testou como fracasada a xestión e o goberno do Partido Popular, mais preferimos non xogar co resultado. No entanto estamos certos de que se o voto nacionalista e de esquerda se concentra no BNG comezará un novo tempo.

Comentarios