FRANCISCO CASTRO, NOVELISTA

Francisco Castro: “O escritor ten que aspirar a ser un clásico, a transcender o seu tempo”

Amarrar o lector como os grandes clásicos da literatura de aventuras é o que buscou o escritor e editor Francisco Castro na súa novela Tes ata as 10 (Galaxia). Vintecinco anos de escrita e vinteún libros publicados son os dous datos da traxectoria dun escritor que anuncia para o ano que vén o seu primeiro poemario.

Francisco Castro
photo_camera Francisco Castro

-En Tes ata as 10 percíbese a intención do autor de amarrar na lectura. 

É unha novela que, ademais de pretender contar moitas cousas, quere atrapar, reivindicar o pracer da lectura, collerte moi forte e que continúes a ler, sorprendendo e dando reviravoltas argumentais.

-A construción do misterio e a súa resolución obriga a afondar na estrutura da novela?

En toda a súa escrita tiven moi presente a arquitectura interna. Foi como xogar unha partida de póker na que ti controlas os ases que, ás veces, están debaixo da manga. Neste libro hai dúas cousas que fixen por vez primeira, escribir en primeira persoa que, sendo este o meu título 21 aínda nunca experimentara e do que me decatei cando puxen o punto e final e, en segundo lugar, é a primeira vez que escribo unha novela cun esquema ao lado, vixiando as tripas internas, con esa arquitectura que precisaba para conseguir ese efecto de atrapar coa intriga.  Dalgunha maneira, neste libro está o que lin e o que escribín. É unha novela que lin e revisei catro, cinco, ou seis veces todas e cada unha das frases. Quería que tivese unha engranaxe que fora unha máquina de enganos, a sedución lectora.

"A novela quere atrapar, reivindicar o pracer da lectura, collerte moi forte e que continúes a ler"

-As novas tecnoloxías adoitan aparecer con entidade propia na súa obra, desta volta, a través deses correos electrónicos que chegan da conta dun morto. 

En Spam literaturizara por vez primeira as novas tecnoloxías. Hoxe parece indiscutíbel armar unha novela na que dous personaxes reciban un whatsapp, forma parte da nosa realidade. A literatura só fai integrar o que xa está. Desde Spam en diante as novas tecnoloxías teñen moita presenza na miña obra. En O ceo dos afogados, que é unha novela xuvenil, había mensaxes ocultas dentro dun blog científico, é unha constante e é inevitábel porque os narradores temos obriga de reflectir a nosa realidade. Así como Stendhal reflectiu o seu tempo, a nós quédanos contar o que vivimos. De todas maneiras, para min internet e as redes sociais son un xeito de dialogar cos lectores e facer activismo cultural e literatura desde a rede.

-Tes ata as 10 é un libro de libros, no que vostede fai homenaxe ás grandes novelas de aventuras. 

Ese é un dos grandes obxectivos. É un libro sobre libros, que quere proporcionar pracer lector e reivindicar todo o que nos deron autores como Stevenson, Oscar Wilde ou Jules Verne, escritores que aparecen na novela e son protagonistas nos seus libros ou nas estatuas referenciadas. Quería que, dalgunha forma, fose unha defensa das grandes novelas de aventuras que lin cando me formaba como lector. Continúo a lelas e continúo a gozar e a vivilas de maneira intensa como a primeira vez.

-Tamén a cidade de Vigo aparece con forza. Por que esta cidade está a tomar tanta presenza na literatura nos últimos anos?

Pois si é certo que hai moitos escritores e escritoras que estamos a facer literatura a partir da cidade. Sempre digo o mesmo, que todas as películas de Woody Allen transcorren en Manhattan e son universais. O reto está en escribir unha novela universal desde a miña xeografía. Son vigués, exerzo de vigués e quero que a miña literatura sexa universal e o universal é, como dicía Miguel Torga, o local sen paredes.

-Son temas que agroman en moitas das súas obras, como tamén o amor. O escritor ten, ao longo desas máis de vinte obras, temas recorrentes?

É inevitábel despois de 21 libros ter filias e fobias. A do amor é unha delas e hai outra, que é a preocupación política. Nesta novela, hai un intento consciente de contarlle á rapazada o franquismo e ese momento final de etapa no que a prensa escrita ten que facer unha reviravolta para saltar a censura e na que moita xente estaba a xogar a súa vida para que caese o réxime.

-Vintecinco anos de escrita e vinteún libros deixan á vista unha grande paixón pola literatura. 

Supoñen vida. Eu son literatura, son escrita, comunicación, a necesidade de dicir, de non calar nunca, de inventar. Estou certo de que se quedara inmobilizado estaría ditando historias. É unha pulsión. Os rapaces nos centros de ensino pregúntanme, por que escribes? Eu respondo dicindo que é un intento de comunicarme e transcender o tempo. Os creadores buscamos iso, comunicarnos cos nosos contemporáneos e transcender o tempo. Agardo que dentro de cen anos me poda comunicar con alguén a través da miña obra.

-Existe no creador esa vontade de transcender o tempo? En que consiste?

É a única medida da calidade literaria. Estou canso do autobombo, e da reivindicación propia do xenial que somos. Todo iso é banal. O único que nos vai defender é o paso do tempo, o que quede, quen nos vai ler cando non esteamos e a iso é ao que hai que aspirar. Nin a ler nin a que te traduzan. senón a facer unha obra que transcenda o tempo. A iso chámaselle ser un clásico. 

-Pola súa presenza nas redes o que se percibe é que vostede ten o que poderiamos chamar “comunidade lectora”? 

Iso é o que sinto, que hai xente que agarda cada novo libro. Ás veces póñense mesmo en contacto comigo cando o teñen nas mans. É o mellor ao que pode aspirar un escritor, a ter un público que estea pendente de ti e te recoñeza como voz singular. Nos Cadernos de Lanzarote, José Saramago dicía que un escritor ten que aspirar a ser considerado diferente. Eu aspiro a iso, a que se me perciba como alguén orixinal que ten perspectivas diferentes. Aprezo a quen ten un ollar e un xeito de contar propio e a comunidade lectora se crea a partir diso. 

-Teño a sensación de que Chamádeme Simbad tivo especial relevancia nesa creación da comunidade, un singular suceso e tamén un lugar destacado na súa traxectoria. 

É un libro que naceu dunha dor que é o inicio da enfermidade de alzheimer na miña nai e que eu escribo para explicar en que consiste, cun punto de tenrura, mais tamén de humor. É un deses libros que escribes desde a ferida, desde a dor, desde a ironía e a tenrura e logo, sen o esperar, convértese en superventa. Está, por exemplo, na lista de honra do Ibby e traducido ao catalán, castelán, éuscaro e portugués, xa que se editou en Brasil. A miña querenza por este libro é absoluta. Sempre digo que, moi por riba dos premios e as vendas, a min o libro permíteme ir aos centros de ensino e falar cos mozos e mozas. 

"Son literatura, son escrita, comunicación, a necesidade de dicir, de non calar nunca, de inventar. Estou certo de que se quedara inmobilizado estaría ditando historias. É unha pulsión".

-Vostede é, nese sentido, dos escritores máis activos. Por que participa tanto de encontros en centros de ensino?

Doulle unha importancia fundamental á visita a centros escolares, clubes de lectura e demais espazos nos que se establece un contacto co lector. Nós non podemos ser como Holderlin e pontificar, temos que enchouparnos na lama e facer pensar.

-Que fai un autor como vostede cando dá por finalizada unha novela?

Podería dicir que deixar descansar os personaxes, mais non é certo. Cando remato unha novela, se podo ese mesmo día, comezo outra. Rematou, xa contei o que quería contar, co cal xa estou libre para comezar outra. Ás veces se a remato pola mañá, se teño posibilidade, xa pola noite estou con outra nova.

-Entendo entón que desde que rematou Tes ata as 10 xa hai unha adiantada... 

Será unha novela para público adulto e sairá este ano na colección literaria de Galaxia. O ano que vén, que cumpro cincuenta anos, publicarei o meu primeiro poemario.

-O primeiro poemario despois de 21 libros, daquela xa 22? Como é a súa relación coa poesía?

De pudor. Cando me piden colaboración para un libro colectivo sempre aporto un poema, é como entrar pola porta de atrás mais despois de medio século, síntome obrigado a publicar. Está rematado desde hai moitos anos. Quero que saia en outubro, coincidindo co meu cincuenta aniversario.

Comentarios