En vigor desde os atentados de París

Francia prolongará o estado de emerxencia

O 13 de novembro fíxose un ano dos atentados de París e, desde entón, pesa sobre Francia o estado de excepción. Este sábado, o recentemente nomeado primeiro ministro francés, Bernard Cazeneuve, anunciou que a medida se estenderá até o 15 de xullo.

François Hollande
photo_camera François Hollande

Francia prolonga o estado de excepción, cando menos, até o 15 de xullo, segundo anunciou na mañá do sábado o primeiro ministro francés. A medida, que deberá ser votada no Parlamento, vén sendo prorrogada desde o 14 de novembro de 2015, un día após os ataques á sala de concertos Bataclan, o Estadio de Francia e varios estabelecementos hostaleiros de París.

Cazeneuve cualificou a medida de “imprescindíbel” para asegurar o maior nivel de protección. Porén, o estado de excepción é fortemente contestado por organizacións civís, que consideran que é ineficaz para loitar contra o yihadismo e que vulnera os dereitos fundamentais.

Francia vivirá en 2017 dúas citas electorais salientábeis, xa que entre abril e xuño os franceses e francesas estarán chamadas a participar das eleccións presidenciais e das lexislativas.

Comentarios