Opinión

Francia con Macron, todo baixo control

Non houbo sorpresa, e ao igual que o pasado 23 de abril tamén nesta segunda volta das eleccións presidenciais francesas as enquisas previas acertaron, será o “portador dos novos valores” Emmanuel Macron quen substitúa no Palacio do Elíseo François Hollande.

Penndetes aínda do 100% pero cun escrutinio do 94% que previsibelmente non vai ter variacións significativas, a candidatura de Macron obtivo 65,05% de apoio con máis de 19 millóns de votos (o 23 de abril acadara o 24,01% e 8.560.000 votos) fronte a unha Marine Le Pen que obtén 34,95% e máis de 10 millóns de votos (o 23 de abril obtivera o 21,3% e 7.670.000 votos), un resultado que concede unha vitoria clara a a Macron pero sen que debamos infravalorar a capacidade de Marine Le Pen de sumar máis de 2 millóns de votos aos que obtivera na primeira volta.

Hai quen di que Francia onte deu unha sorpresa cun presidente que representa as novas xeracións, ten 39 anos, rexeita os partidos políticos e defínese como “nin de esquerda nin de dereitas” buscando fuxir do corsé excesivamente axustado da V República Francesa para situar Francia no camiño do futuro.

A verdade é que nestes últimos meses transmitiuse a imaxe dun candidato Emmanuel Macron saído da nada, que desde a fundación do seu movemento político en abril do ano pasado, En Marche! (coas mesmas siglas que o seu nome Emmanuel Macron), o único que fixo foi ler correctamente o desapego maioritario dos franceses e francesas cunhas estruturas políticas que non dan resposta ás súas expectativas. Pouco se falou de quen está detrás do fenómeno Macron, pero coñecemos todos os detalles íntimos da fermosa historia de amor entre Emmanuel e Brigitte, unha parella que despois de superar todos os obstáculos demostraron a Francia o seu empeño en ser felices e agora queren compartir a súa felicidade con todos os franceses e francesas desde o Palacio do Elíseo.

Pouco se falou de quen está detrás do fenómeno Macron

Pero detrás das escenas que podemos contemplar nunha película aínda que sexa de amor hai sempre moito traballo, nunca hai escenas que aparecen ao azar e na película das eleccións francesas a cousa non vai ser distinta. A operación Macron contou cun importante e meticuloso traballo por parte dos sectores que o apoian, sectores que representan a importantes grupos de poder económico e político do estado francés, entre os que están o holding Louis Vuitton, FNAC, ou o grupo mediático Vivendi; e ás poucas semanas de anunciar a presentación da súa candidatura recibiu o aplauso do líder da patronal Pierre Gattaz ou do ex-primeiro ministro Jean Pierre Raffarin. Ademais está ligado desde o inicio co Institut Montaigne centro de estudos e análise de tendencia neoliberal presidido por outro importante empresario francés, sendo o domicilio particular de un dos seus membros o primeiro enderezo oficial de En Marche!

Como podemos ver, poucas casualidades na meteórica carreira ascendente de Macron, que pasou en pouco máis de dous anos de ser ministro de economía de Hollande e executor de políticas neoliberais como a ampliación dos horarios comerciais, unha dura reforma laboral ou rebaixas fiscais ás empresas a ser a esperanza modernizadora de Francia fronte ao perigo da neofascista Marine Le Pen. Unha carreira meteórica que ademais contou no momento máis oportuno coa importante axuda do escándalo de corrupción que afectou o candidato da dereita gaullista François Fillon por un caso de nepotismo; como ben sinalaba hai uns días Ignacio Ramonet o caso de corrupción de Fillon era de baixa intensidade se o comparamos cos que se descobren cada día no estado español, pero serviu para lastrar as expectativas de chegar á segunda volta dun candidato da dereita que apostaba por unha Francia con política propia no mundo, crítico coa submisión de Europa á política dos EEUU e partidario de mellorar as relacións con Rusia.

Emmanuel Macron é o representante daqueles sectores franceses e europeos que consideran urxente rematar coa anomalía que supón para o proceso de construción da Europa dos monopolios a existencia dunha Francia que mantén aínda algunhas características  propias dun estado que durante moito tempo buscou manter un posicionamento propio, distanciado das directrices norteamericanas e cun importante peso do sector público. Unha Francia que de cando en vez ten dado sustos importantes ao deseño da actual Unión Europea, lembremos que en 1992 quedou case partida á metade no referendo sobre Maastricht e que en 2005 votou contra o Tratado  da Constitución Europea, cun voto transversal aos distintos sectores sociais. 

Quen están detrás da Operación Macron sabían que precisaban vender a imaxe dun candidato que non pertencera ás estruturas dos partidos tradicionais

Quen están detrás da Operación Macron sabían que precisaban vender a imaxe dun candidato que non pertencera ás estruturas dos partidos tradicionais, un candidato que tiña manifestado sentirse defraudado na súa experiencia de goberno polo anquilosadas que estaban unhas estruturas que impedían aplicar as medidas necesarias para mudar a situación e que chamaba á rexeneración. 

Pero se atendemos ás súas propostas non atopamos heterodoxias que se saian da lóxica do neoliberalismo, Macron promete unha nova reforma laboral que recorte o dereito ao desemprego e un duro golpe ás xubilacións baixo a escusa de que hoxe por hoxe a economía francesa non ten capacidade para asumilas, apoio ao TTIP e ao CETA, redución do gasto público en 60.000 millóns, redución do imposto de sociedades, supresión de 120.000 prazas de funcionariado ao tempo que se crean 25.000 en policía e prisións, aumento do investimento militar e do cerco a Rusia e a Siria, reforzar a UE.... Como podemos comprobar, nada novo baixo o sol.

Macron promete unha nova reforma laboral que recorte o dereito ao desemprego e un duro golpe ás xubilacións baixo a escusa de que hoxe por hoxe a economía francesa non ten capacidade para asumilas

É certo que o acceso de Marine Le Pen á presidencia francesa sería un feito político de incalculábeis consecuencias e un elemento simbólico que daría alas a outras organizacións irmás da Fonte Nacional en diversos países europeos, pero non desbotemos que o acceso de Macron á presidencia e a posta en marcha das súas propostas programáticas poida ser un elemento que co tempo cargue de máis munición a unha Marine Le Pen que, sen apoio mediático nin dos sectores económicos e políticos preponderantes no país, sabe ler moi ben a realidade dunha Francia na que os sectores sociais máis vulnerábeis, pequena burguesía, clase traballadora, propietarios agrícolas están cada vez máis desesperados e desesperanzados. Sectores que diante da deserción durante decenios da esquerda real empezaron a mirar cara un discurso que aínda que sexa falso transmite rexeneración e preocupación polos efectos da globalización sobre eses sectores sociais máis vulnerábeis.

Con tempo deberemos analizar as posíbeis repercusións da porcentaxe de abstención e sobre todo o número de votos nulos e brancos, a comparativa con procesos anteriores poderá darnos unha idea do grado de desafección e do nivel de mobilización de aqueles sectores que non optando por ningún dos dous candidatos, ao consideralos cara a cruz dunha mesma moeda, decidiron amosar activamente o seu rexeitamento. Na análise que fagamos deberemos ter en conta que o candidato que quedou de cuarto na primeira volta, o esquerdista Jean-Luc Mélenchon que tivera un importante 19,58% de apoio, non deu recomendación de voto para esta segunda volta. A abstención estrutural en Francia anda arredor do 20% pero nesta ocasión semella que se achegará ao 25%, sendo a segunda maior abstención da historia da V República despois das presidenciais de 1969, en plena resaca do maio do 1968 cando 31% do electorado quedou na casa. E no caso da suma de votos nulos e brancos o número semella que vai superar 12%, un record nas eleccións presidenciais francesas  e moi superior ao 5,82% das presidenciais de 2012. 

A operación Macron ou o Macron S.A. como o denominan quen o acusan de ser un simple produto do CAC40 (equivalente francés ao IBEX35 do estado español), superou a primeira proba e chegou á presidencia de Francia, pero quen o levaron ao Palacio do Eliseo deberán traballar moito para armar unha organización que poida presentar candidaturas comprometidas coas políticas de Macron nas lexislativas que se celebrarán os días 11 e 18 de xuño; o novo presidente que supostamente non conta con máis estrutura de apoio que os voluntarios de En Marche! precisará contar con 289 deputados e deputadas para levar adiante as súas políticas. Moi probabelmente as candidaturas que se presenten declarando o seu apoio a Macron descubrirán que o de “portador dos novos valores” era só propaganda electoral.

Comentarios