Opinión

A Fran Cortegoso, á súa voz singular

Unha pompa é como unha metáfora, e esta tamén estoupa como a pequena burbulla que se achega ao teu polgar: desaparece na túa pel e sentes unha leve humidade quizá, mais o teu ouvido permanece intacto ante tal fenómeno: é difícil escoitar a consumición dunha desas esferas que pululan no espazo.

Fran Cortegoso (1985-2016)

Introspectivo. Observador audaz do que acontece no fluír do poema, ese texto que se libera pola boca en silencio, na soidade máis auténtica posíbel, cando o eu pode soltarse, ás escuras ou a plena luz, mais sempre no medio da calma, sen ningún tipo de condicionamento externo. Incisivo nas afirmacións, descompuxo a tarde en todas as súas partes, albiscou o seu relanzo, a cadencia do abrazo dunha árbore contra outra, puxo de relevo o brillo escintilante das trampas, saiu do cristal da metáfora para achegarse á esencia que fornece a escrita que tanto nos embriaga. Viviu cegado pola beleza do ser, daquilo que sucede diante dos nosos ollos atordados: a vida. Dalgunha maneira buscaba o que non vemos a simple vista, malia acontecer cada día e que, ao meu ver, fica no interior das palabras sen sentido, esas que borramos dos poemas, que xulgamos pouco intrépidas e que, curiosamente, saben máis de nós do que imaxinamos. Quixo, quería, deixarse levar cara a un extenso e insólito espazo en branco, destensarse para se volver tensar, apreixar polo menos algún suspiro casual, no centro dunha flor calquera e poder ser flor el tamén, tan sequera durante uns segundos. Buscaba fóra da literatura a esencia das cousas, coma quen vive noutro lugar, ese no que adoitan fluír non tanto os pensantes coma os sentintes. Talvez por iso Antón Lopo dixo que era un poeta sublime, algo co que concordo. E digo máis, se Lopo quixo centrar este adxectivo para que non soase esaxerado, eu si desexo levalo ao límite do que realmente significa, na medida en que Fran Cortegoso respiraba polos poemas e facía da escrita un acto político ao considerar que a literatura pode ser revolucionaria. Por que? Porque confíaba na súa capacidade de transformación sociopolítica, así é que a entendía como un revulsivo para mover as cousas, darlles a volta e poñelas do revés. Ese xeito de sentir os textos, de amalos e odialos a un tempo, de non os ver nunca totalmente listos para ser expostos ante o público lector, ademais da cadencia que amosaba -canto tempo podía permanecer enfado Fran?- e ese saber esperar, nacían de aí, do seu convencemento absoluto de que a literatura é un xeito de estar no mundo. Por iso devoraba libros e podía disiparse até o punto de se sentir noutro lugar, sen deixar de ser consciente de que a súa era unha postura incómoda, anacrónica para os mais pragmáticos, e inxenua tamén. Este tipo de consideracións que, se cadra non sexan ditas neste momento, son, entendo eu, moi necesarias, porque Cortegoso, antes que poeta, foi amigo dos seus amigos, un tipo soñador, agarimoso e delicado, que quixo amar e ser amado, que desprendía tenrura e amabilidade, que endexamais asumiu un papel. Era, no entanto, poeta á xornada completa porque desfrutou da vida ao máximo e isto que escribo poderán corroboralo moitas persoas, alleas á literatura, coas que partillou experiencias divertidas e conseguiu ser feliz doutra maneira distinta, sen esa tensión que pode xerar a escrita. Alén deste aspecto soñador, que eu percibín en Cortegoso, cómpre suliñar que era sabedor do que sucedía dentro e fóra da literatura. Por iso dixo o que dixo e escribiu o que escribiu. Unha escrita insólita como a súa, distinta en palabras de Antón Lopo, nace de aí, desa capacidade de abstracción e contracción, de estar fóra e dentro a un tempo, de romperse por dentro e resucitarse, de saberse mirar. “O poeta, cando compón o poema -explicaba Fran na Radio Galega- utiliza unha lingua, nin viva nin morta, que poucas persoas falan e que poucas persoas escoitan”. Referíase ao que as palabras senten? Puideron entón, segundo isto, as palabras de Cortegoso, escribirse soas? Quen premeu o botón para que saltase a súa luz cegadora? Asumía, non sen certa raiba, a falta de atención pola poesía, como experiencia estética, por parte dunha case inexistente comunidade lectora?

Viviu cegado pola beleza do ser, daquilo que sucede diante dos nosos ollos atordados: a vida. Dalgunha maneira buscaba o que non vemos a simple vista

A verdade é que, conforme pasan os anos, descubro que para escribir algo o mellor é indagar nas mentiras que nos contamos, permitir que as palabras nos digan quen somos, que temos metido dentro da cabeza, que sentimos realmente, sen adubíos de ningún tipo, e extraer os poemas dese molde redondo para levalos até a boca, como Fran. Deixar que as palabras salten do lugar que lles asignamos, non sen certa prepotencia, conseguindo salvalas dese decoroso imperio. Salvar entón para salvarse. Vexo isto nos textos de Fran Cortegoso: un sentir profundo, unha atracción inmensa pola vibración ágrafa, a que acontece fóra da literatura, coma esa árbore da que escribiu e que, dende o seu singular punto de vista, ao se enxertar na pel doutra podía tensarse ou caer. Fran Cortegoso, 1985-2016, ficará na memoria poética de todas as persoas que amamos a literatura e acreditamos nela, porque dalgún xeito sentimos que pode salvarnos. Non tiña pensado escribir sobre poesía e poetas nesta columna, mais coido que Fran Cortegoso ben merece esta excepción. Daquela, quedará para a seguinte semana o que quería escribir sobre Elle, un filme que a Fran lle tería gustado moito. Estou certa.

Comentarios