Fraga segue a ser fillo predilecto da Coruña oito meses despois de aprobarse a súa retirada

O Bloque Nacionalista Galego, por iniciativa da concelleira Avia Veira, rexistra unha pregunta ao Goberno local sobre cando ten pensado dar cumprimento ao acordo plenario do 6 de maio de 2019, no que cos votos a favor do propio BNG, PSOE e Marea Atlántica aprobouse a retirada dos títulos e dignidades concedidos en tempos da ditadura ao fundador do Partido Popular e tamén ao ex ministro franquista Laureano López Rodó.

Fraga nun acto oficial con Franco
photo_camera [Imaxe: cedida] Manuel Fraga, nun acto oficial con Franco.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego na cidade da Coruña, formado por Avia Veira e Francisco Jorquera, vén de presentar unha pregunta por rexistro para saber se a alcaldesa, a socialista Inés Rey, ten previsto dar cumprimento ao acordo plenario do 6 de marzo de 2019, onde foi aprobada unha moción do propio BNG para que o por aquel entón alcalde, Xulio Ferreiro, iniciase o procedemento para retirar as distincións de fillo predilecto da cidade a Manuel Fraga e Laureano López Rodó.

Devandita moción tivo o apoio da Marea Atlántica e dun PSOE que distinguía entre “o Fraga do período predemocrático” e o “pai da Constitución e presidente da Xunta”, a pesar da frontal oposición do alcalde socialista da Coruña durante 23 anos, Francisco Vázquez, que se mostrou moi “desgustado” e “avergoñado” pola retirada do título de fillo predilecto a alguén “que tanto fixo por Galiza, pola cidade da Coruña e pola reconciliación deste país”.

O BNG “agarda” que os socialistas sexan “coherentes”

Votada a iniciativa de 29 presos políticos do franquismo -que no manifesto Non queremos ao ‘camarada’ Fraga como fillo adoptivo definían o fundador do PP como un “servidor do franquismo que nunca manifestou arrepentimento nin pediu perdón”-, o Goberno municipal responderá no pleno do vindeiro 7 de novembro, após oito meses da aprobación da moción no pleno.

Desde o BNG aseguran a Sermos Galiza prefiren non “facer especulacións” sobre o futuro, mais consideran que “non hai razóns para que o PSOE mudase de criterio” con respecto a maio pasado, e “agardan” que a resposta “sexa coherente co que os propios socialistas votaron cando se aprobou a moción e a alcaldesa instrúa o expediente que dea lugar á retirada do título de fillo predilecto”.

Fraga, ligado ao fascismo desde a Guerra

O 24 de decembro de 1968, o ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, era distinguido co título de fillo predilecto da Coruña. Descendente do alcalde de Vilalba durante a ditadura de Primo de Rivera, engadía así outro recoñecemento a unha traxectoria política labrada integramente noutro réxime ditatorial, no seu caso o de Franco.

Afiliado a Falanxe no ano 1937, en plena guerra civil española, tras ocupar cargos de relevancia en institucións como o ministerio e o Consello Nacional de Educación, o Instituto de Cultura Hispánica ou de ser conselleiro nacional do Movemento e procurador en Cortes, instalouse no Ministerio de Turismo entre 1962 e 1969, antes de ser designado embaixador en Londres do 73 ao 75, o seu último cargo no réxime.

López Rodó, á sombra de Fraga

O acordo plenario non se refería só a Manuel Fraga, senón tamén a Laureano López Rodó, a quen a corporación municipal outorgou o título de fillo predilecto o 15 de maio de 1972. Cun perfil máis discreto que o de Fraga, López Rodó, falecido a principios do ano 2000, estaba vinculado ao Opus Dei e foi dúas veces ministro no tempo da ditadura, sendo tamén parte da equipa de preceptores encargados da formación do por aquel entón príncipe Xoan Carlos.

Ademais, o BNG lembra que a moción instaba tamén o Goberno local a “retirar as diferentes honras e distincións a destacados alcaldes que participaron na sublevación militar e fascista de 18 de xullo de 1936, xogan un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura”. Entre eses alcaldes está incluído Serxio Peñamaría de Llano, acusado de diferentes asasinatos na época da represión na comarca de Valdeorras, tema no que se afondará nunha reportaxe do número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, que sairá do prelo o 17 de outubro.

Comentarios