Opinión

O fracaso de dous modelos de unidade

A recente oficialización da creba operada no Grupo Parlamentar de En Marea, constitúe o certificado do punto final da experiencia unitaria iniciada no mes de Xullo de 2016 e supón o segundo gran proceso de división rexistrado, durante a presente década, no seo do universo do nacionalismo e da esquerda. No ano 2012, os resultados da Asemblea de Amio do BNG abriron unha secuencia de fragmentación na fronte nacionalista que duraría até a primavera do 2016. Polo medio, a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) -coalición entre Anova e EU para comparecer na cita electoral do outono de 2012- tamén padeceu unha dinámica escisionista que chegou a fracturar o propio grupo parlamentar.

Cada un destes fenómenos pode ser explicado mediante unha combinación de causas debidamente contextualizadas no respectivo espazo temporal. Se houbera que seleccionar as mais determinantes, deberíanse citar dúas: a envergadura das diferenzas -no ideario e/ou no programa- asociadas á composición heteroxénea de semellantes formacións e a intensidade da disputa polo control das mesmas. Se, a partir desta enumeración, pretenderamos xerarquizar a relevancia de cada unha, atopariamos moitas probas empíricas de que a loita polo poder interno foi a que xogou un papel mais decisivo na evolución da confrontación e na ruptura final da converxencia preexistente. O sucedido en Amio non se pode entender pola dimensión dos disensos sobre o patrimonio ideolóxico e político acumulado polo Bloque senón pola forte disputa arredor do control das estruturas da organización. No caso de En Marea ocorreu algo parecido: na dinámica destrutiva -que operou cunha extraordinaria velocidade-, as diverxencias derivadas das identidades dos sectores concorrentes no partido instrumental foron menos determinantes que a obsesión polo control da criatura demostrada por unha parte substancial dos promotores. 

Na década dos 90 do pasado século, o BNG foi quen de acadar unha síntese satisfactoria entre a indiscutíbel pluralidade interna representada por diversos partidos e colectivos e a unidade dun proxecto común capaz de proxectar unha mensaxe exterior consistente que foi premiada por unha parte significativa do corpo social. Vinte anos despois, aquela combinación virtuosa rachou e alterou notabelmente os niveis de confianza electorais acadados previamente.

O nacemento de En Marea como partido pretendeu construír un lugar de encontro organizado que fose mais alá das tradicionais coalicións electorais para ser quen de integrar a un continxente heteroxéneo de persoas procedentes de distintas culturas políticas. A pesar da vontade explícita de representar unha expresión da unidade dos sectores -de adscrición nacionalista ou non- comprometidos nunha alternativa fronte ao dominio tradicional do bipartidismo, o funcionamento práctico certificou a pervivencia de vellas tendencias hexemonistas e sectarias. O fracaso colleitado na construción deste formato unitario resultou, ao cabo, tan indiscutíbel como ilustrativo.

Estas dúas experiencias, a pesar das evidentes singularidades coas que naceron e evoluiron, permiten tirar unha primeira conclusión para o futuro: non é viábel agrupar nun mesmo espazo organizativo ás distintas correntes que se moven no ámbito do nacionalismo e da esquerda non vinculada ao PSdG. As reiteradas invocacións aos principios da “autoorganización” ou da “unidade popular” non abondan para garantir a continuidade daquelas forzas políticas que pretendan incorporar un abano amplo de sensibilidades no seu seo. A realidade demostra que, hoxe por hoxe, só resultan posíbeis fórmulas de cooperación construídas dende a independencia orgánica de cada parte. Mais unha vez, o que se proclama como desexábel e o que se constata como posíbel non coinciden

Comentarios