As forzas soberanistas, determinantes nunhas novas eleccións xerais

O PSOE gañaría unhas novas eleccións xerais, mais a correlación de forzas entre a esquerda e a dereita estatais non experimentaría mudanza algunha, segundo un inquérito de GAD3 para La Vanguardia. Isto significa que a chave da situación continuaría a estar en mans das forzas soberanistas. Unidos Podemos, o conglomerado en que está En Marea, perdería até 23 escanos.

Joan Tardà
photo_camera Joan Tardà, portavoz de ERC no Congreso [Foto: Laura R. Cuba]

As eleccións de xuño de 2016 deitaron o seguinte resultado na dialéctica esquerda-dereita estatal: 169 escanos para os conservadores (137 do PP e 32 de Cs) e 156 para os progresistas (85 para o PSOE e 71 para Unidos Podemos e as súas confluencias).

Pois ben, o que predí o inquérito de La Vanguardia é que esta correlación practicamente ficaría igual, con levísimas variacións. A esquerda gañaría un escano (sobe o PSOE 24, perde Unidos Podemos 23), en tanto que a dereita cedería 1 (perde o PP 45, gaña Cs 43 e entra Vox cun asento por Madrid).

O taboleiro, por tanto, continuaría sustancialmente igual, e a gobernabilidade pasaría necesariamente por acordos coas forzas soberanistas. Un escenario que favorece o bloque da esquerda, sendo que o da dereita ten as relacións practicamente rotas coas organizacións nacionalistas.

En porcentaxes de voto, o PSOE sería hoxe a primeira forza no estado con 26,6 por cento dos sufraxios, en tanto que a disputa pola segunda praza está moi fechada entre o PP (22,3) e Ciudadanos (21,9). Xa moi rezagado vén Unidos Podemos e as confluencias (En Marea incluída), conglomerado que totalizaría 16,6 por cento. Vox conseguiría 3,4 por cento, suficiente para colocar un deputado por Madrid.

No mundo do soberanismo, ERC e PNV aumentan representación (os republicanos pasan de 9 a 11, os jeltzales de 5 a 6), en tanto que EH Bildu repite resultados (2) e o PDeCAT cede dúas actas (de 8 a 6).

Comentarios