As forzas políticas suspenden os actos de campaña após o asasinato da presidenta da Deputación de León

Todo apunta a que o asasinato é produto dunha vinganza. A presunta autora do crime -e máis a súa filla- xa foron arrestadas.

As forzas políticas resolveron suspender os actos de campaña programados para este serán após se ter coñecido a noticia do asasinato da presidenta da Deputación de León, Isabel Carrasco (PP), quen foi vítima de 4 disparos de bala nas inmediacións da súa casa.

Fontes policiais manexan como única hipótese de traballo que o asasinato se produciu como unha vinganza persoal. Están detidas a presunta autora dos disparos e a súa filla, que hai poucos días foi despedida da Deputación.

En declaracións facilitadas á imprensa polo gabinete de imprensa do BNG, e após se solidarizar coa familia e achegados da presidenta da Deputación de León, Xavier Vence mostrou a preocupación que produce na formación nacionalista o "clima de violencia" que se ten instalado na sociedade, unha "violencia larvada" que ve moi relacionada "cos problemas sociais de fondo".

Ao seu xuízo, esa violencia require que "se adopten medidas estruturais para ir eliminando eses factores que provocan esa violencia de fondo que hai na sociedade".

Comentarios