As forzas políticas españolas deberán posicionarse sobre o dereito de autodeterminación

Farano perante unha proposición non de lei presentada polo soberanismo de esquerdas. BNG, Amaiur e ERC instarán á Cámara a defender o dereito dos pobos a decidir. 

Após sucesivos vetos do Partido Popular, que tentou evitar por todas as vías parlamentares a chegada da iniciativa ao pleno en forma de proposición lexislativa; esta terza feira o Congreso español debaterá a iniciativa presentada de maneira conxunta polo BNG, ERC e Amaiur. O seu obxectivo, aseguraron as forzas políticas autoras da Proposición non de lei após rexistrala no Parlamento, é achegar "unha vía práctica para podermos exercer o dereito de autodeterminación". 

"Non se poden pór pexas á democracia"

Así explicaba Rafael Larreira, deputado de Amaiur, en conversa con Sermos Galiza o cerne da PNL que será sometida a debate nas Cortes españolas. "Presentamos unha proposición en que se estabelece cal é o procedemento que cómpre seguir para exercer" ese dereito que, desde o BNG, ERC e Amaiur entenden "inalienábel". 

Oito meses despois de ser presentada, a PNL será debatida en sesión plenaria

Após o veto imposto polo Partido Popular até en dúas ocasións, o parlamentar de ERC, Joan Tardá, asegurou que "o veto o complica todo" mais xa advertía que "non se poden pór pexas á democracia" e que as forzas promotoras da iniciativa se instalarían "nunha guerra de guerrillas" á fin de levar a proposta á Cámara. E así foi, oito meses despois a iniciativa chega á Cámara para ser debatida, iso si, sen rango lexislativo. 

"Cremos que é moi importante que o debate sobre o dereito a convocar un referendo de autodeterminación se dea no Parlamento español como fórmula para camiñar cara ao recoñecemento da pluralidade nacional do Estado", explicou a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila. Así, a PNL recolle o procedemento a seguir para garantir e regular o dereito a decidir dos pobos, a comezar pola convocatoria dunha consulta popular e o deseño dun proceso de transición cara á independencia. 

Que farán o PSOE ou IU?
UPyD e o Partido Popular avanzaron o seu rexeitamento á iniciativa. O partido maioritario mesmo considerou que a proposta presentada polo BNG, ERC e Amaiur non procedía ao visar unha reforma constitucional. No entanto, a dúbida cérnese arredor do posicionamento que adquiran outras forzas políticas con representación parlamentar. 

"IU tería que votar a favor se é coherente co que di"

Inquirido ao respeito, o deputado de Amaiur, Rafael Larreina, aseguraba no número 35 do Sermos Galiza que agardaban o voto favorábel de Izquierda Unida "se é coherente co que din ao afirmaren que respectan o dereito de autodeterminación". Canto ap PSOE, acrecentou o parlamentar basco, "ten unha postura contraditoria" como se reflectiu na votación a respeito do dereito a decidir de Catalunya. "O PSC di que está a favor e logo o PSOE que non". Neste senso, Larreina amosouse subitativo a respeito do posicionamento final que adoptarán @s socialistas. "Coido que finalmente primará esa concepción un tanto vella do que é o Estado español", unha visión, dixo, "que ten as súas raíces na visión franquista do Estado". 

Comentarios