O Foro Monterrei acusa á Xunta de mentir coas obras “ilegais” no castelo

O Foro Monterrei continúa sen ter resposta do presidente da Xunta ao escrito que lle entregaron en man no que daban as razóns que desaconsellaban construír un hotel no castelo. Lamentan agora que a Xunta continúe nese “camiño errático” e "ilegal" e mesmo mintan ao respecto do financiamento das obras. 

Monterrei
photo_camera Monterrei

O Foro Monterrei desminte á Directora Xeral de Turismo, Nava Castro na súa afirmación de que as obras que se están a desenvolver no castelo están a ser financiada con cargo a fondos propios. Afirman, pola contra, que abonda achegarse á acrópole ou consultar o DOG para comprobar que o importe de 2.100.000 euros da fase de rehabilitación está cofinanciado polo FEDER nun 80% que se completa con con cartos do FCI. “Non sabemos se este é un caso máis de clamorosa ignorancia ou de ocultación cínica da verdade”, denuncian, case un mes despois de lle ter entregado ao presidente da Xunta un escrito en man no que se recollían as razóns que desaconsellaban construír un hotel no monumento ao tempo que incorporaban outras posibilidades de dedicar construcións do seu entorno á hostalería.  

Cuestionan que, como a Xunta di, se poida compatibilizar o uso público do Castelo coas instalacións hoteleiras que ocuparían a totalidade do espazo construído. “Que vai poder contemplar, en realidade, o visitante que se acerque a Monterrei? Os corredores, entre as artificiais e invasivas habitacións e suites que, por certo, arrasarán con todas as obras de rehabilitación realizadas con anterioridade?”, pregúntanse ao tempo que lamentan que se prive do uso público do monumento a cambio de pouco máis de media ducia de habitacións que terá o hotel. 

Critica o Foro Monterrei que a Xunta incorra na ilegalidade á hora de tomar a decisión dunha privatización encuberta do castelo xa que pasa por riba da lexislación sobre Patrimonio Cultural e anuncian que farán “todo o posíbel para defender o uso público do monumento, é dicir, a legalidade”. 

“O informe emitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o pasado 4 de marzo, autorizando a incrustación dun hotel no castelo sería contrario á lei porque non contempla as condicións da cesión e sáltase toda a lexislación, estatal e galega, sobre patrimonio cultural. Por tanto, a concesión de licenza para esta nova obra tamén sería contraria á lei”, explican. 

Comentarios