O Foro Económico aférrase ao escenario máis optimista para a economía galega

As expertas do Foro prevén unha contración da economía próxima a 8,5% do PIB sempre que non se produza un novo confinamento.
PSA Citroën
photo_camera PSA Citroën

Que a economía galega vai pagar as consecuencias do confinamento e da Covid-19 xa non o dubida ninguén. O que as expertas non teñen tan claro é a magnitude do mesmo. 

Desde o Foro Económico de Galiza debuxaron tres posíbeis escenarios, en función da velocidade da recuperación e os efectos do confinamento. As expertas manteñen as "incertezas" sobre o que vai a acontecer, mais amósanse convencidas de que, se nada cambia, a economía galega vai rematar o ano "máis preto do escenario optimista que do central", sempre e cando non se produza un confinamento semellante ao do pasado mes de abril. 

Así, o equipo de traballo integrado por José Francisco Armesto, Fernando González Laxe, Santiago Lago e Patricio Sánchez inclínanse por unhas previsións que se corresponden coa franxa intermedia adiantada na anterior entrega do informe do 8 de maio.

Nesa segunda entrega da análise do impacto do COVID-19 na economía galega, o Foro Económico define tres escenarios No primeiro o proceso de recuperación é relativamente rápido e fluído mentres que no segundo os efectos van máis alá do propio confinamento e da imposibilidade de traballar, alterando o funcionamento normal da economía tamén no terceiro e cuarto trimestre.  Nestes dous casos, a contracción da actividade económica galega oscila entre 8,5% do PIB no primeiro escenario (o máis optimista) e 12,7% no segundo (considerado o central). Un terceiro escenario tería como obxectivo por en evidencia o efecto demoledor que tería un segundo confinamento após o verán, similar ao vivido no segundo trimestre do ano, de xeito que dunha caída do PIB de 8,5% pasaríamos a 18,9%. Esta última opción aínda non se debe dar por descartada ao tenor dos múltiples brotes que se están a producir en todo o Estado español, apuntan as expertas.

Varios factores xogan favor da economía galega. Primeiro, o feito de teren sido a primeira en saír do estado de alarma e entrar na nova normalidade. Segundo, un maior peso da industria agroalimentaria (a menos afectada pola Covid-19) e unha menor relevancia do turismo respecto da media española. E terceiro, que a recuperación do sector da automoción está a ser máis rápida na Galiza.

Comentarios