A Fondo dende Escocia sobre o proceso de independencia

Eusmiuzamos neste AFONDO, dende Escocia e para Galiza, as claves da campaña pola independencia, a tan só uns días do referendo. Podes atopalo na nosa loxa por 50 céntimos

capa A Fondo Escocia 350

O A Fondo desta semana analiza polo miúdo a campaña escocesa a prol da independencia. O suplemento conta con artigos de persoas implicadas a fondo na campaña, como Christina Mckelvie, presidenta da Comisión de Asuntos Exteriores do Parlamento de Escocia; de Carolyn Leckie, a voceira de Women for Indy (Mulleres pola Independencia) e de Robin McAlpine, director do Common Ewal e destacado activista pola independencia de Escocia.

Ademais, a coordenadora, Pilar Fernández -galega e responsábel para o exterior da campaña Solidarity with Scotland-, entrevista ao reverendo Stuart Campbell, creador do blogue de noticias Wings over Scotland, blogue de noticias aliñado co si fronte á liña editorial unionista hexemónica nos medios tradicionais escoceses e británicos, incluída a BBC, acusada de manipulación polo seu tratamento sobre Escocia. Así mesmo, J. Douglas Naismith, profesor escocés residente en Galiza, reflexiona sobre como, dende a diáspora, se vive a independencia. Pecha o suplemento Christopher Craine, activista a favor do independentismo que compara o caso catalán e escocés.

Escriben dende Escocia Christina Mckelvie, a presidenta da Comisión de Asuntos Exteriores do Parlamento de Escocia; Carolyn Leckie, a voceira de Women for Indy e de Robin McAlpine, director do Common Ewal e destacado activista pola independencia de Escocia.

Escocia como exemplo

"Moit@s ven a Escocia como o primeiro paso. Se consegue arrincarse da pouta asfixiante do imperio británico, haberá esperanza para todos os movementos independentistas e algún día lle tocará a Galiza", afirma Douglas Naismith, que leva 18 anos residindo en Galiza e que levou a cabo, nos últimos meses, unha intensa campaña a prol do Yes dende aquí.

O artigo da responsábel de Exteriores no Parlamento de Escocia incide no cambio de valores que procuraría en política internacional unha Escocia independente. "As nosas premisas serán a cooperación, desenvolvemento e comercio e non o conflito. Escocia será o campión da xustiza e da paz internacionais", expón.

A campaña pola independencia en Escocia contou tamén cunha importante participación das mulleres. Explícao a voceira de Women for Indy no seu artigo para este A Fondo: "Mulleres que xamais se implicaron en política descobren talentos artísticos que non sabían que tiñan cheos da súa propia independencia", afirma.

A revolución social trala campaña do si

Robin McAlpine destaca como elemento diferencial da campaña independentista escocesa o feito de terse convertido nun movemento social democrático de longa escala que se rebela fronte ás políticas neoliberais promovidas por Westminster. "Eu diría, até sería quen de discutir sobre iso, que Escocia é o máis vibrante lugar da Europa actual. Probabelmente non teñas idea do florecemento intelectual, do renacimento artístico, do activismo de base, do revival da política a pé de rúa, que se está a viver nas prazas das cidades e das vilas…", afirma no seu artigo para Sermos.

O reverendo Stuart Campbell conformou, dende o seu blogue Wings over Scotland, un miradoiro político e de análise que se converteu nunha exitosa referencia fronte á manipulación dos medios tradicionais, aliñados co unionismo. "Poucos van votar pola unión convencidos de que iso mellorará a autonomía", afirma en resposta ás preguntas de Pilar Aymara. Para el, é o medo ou o sentimento nacionalista británico o que motivará o voto do Non.

Christopher Craine, activista escocés a prol da independencia, e residente en Catalunya, analiza as diferenzas entre os procesos catalán e escocés. "Escocia e Catalunya van ao mesmo lugar mais seguindo camiños. A economía catalá é forte, ou érao até o derrubamento dos banqueiros. Escocia semella débil, e se cremos á prensa, vive das esmolas de Westminster", expón.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios