Opinión

Folga xeral e derrotismo sindical

Tanto CCOO como a CUT decidiron esta pasada semana opoñerse á folga xeral convocada pola CIG para o día 19 de xuño. Que CCOO, así como da UGT, rexeitaran sumarse, era de esperar, malia que non sexa beneficioso para a clase traballadora galega. Mais, que o faga a CUT, que se gaba de ser un sindicato antisistema, reflicte que primou o sectarismo e as alianzas tecidas no marco estatal. Pesou menos a necesidade obxectiva de dar un salto cualitativo na loita contra os retrocesos no ámbito laboral, social e democrático. A CIG reuniuse con todas estas centrais sindicais co obxectivo de levar adiante unha acción en común, para alén das diferenzas de estratexia e proxecto, xa que o paro fortalece o movemento obreiro, e polo tanto favorece a todas as organizacións sindicais.

 

Comisións Obreiras foi a primeira en responder negativamente, aproveitando para lle dar dimensión á súa postura, e agochar unha actitude tan pouco combativa, un encontro de delegados e delegadas en Compostela, non casualmente amplamente divulgado a páxina completa por La Voz de Galicia. As ideas básicas defendidas polo seu secretario xeral, Ramón Sarmiento, foron reproducidas posteriormente nun panfleto distribuído pola Unión Comarcal de Vigo. O primeiro argumento da otavela é que: unha folga xeral que abranga somente a Galiza non chega para mudar as políticas do Governo. É verdade, mais pode que tampouco abonde cun paro a nivel do Estado (como tantas veces aconteceu), e non por iso se deixaron de facer, mais utilízase neste caso como falsa escusa para non apoiar a folga nacional galega. O que non se pode negar é que o paro demostraría que hai necesidades obxectivas e condicións subxectivas para accións máis combativas que as dos últimos anos. Se cadra sexa isto o que preocupa a algunhas centrais sindicais porque cuestiona a súa práctica? Algo que recoñecen implicitamente cando din que cómpre realizar un proceso previo de mobilizacións, e acadar unha maior unidade. Por que non o fixeron durante estes anos? Se hai vontade: por que non propoñen unha campaña concreta con data para a folga xeral? Se o fixesen, con seguridade a CIG estaría disposta a adiar a convocatoria.

 

O paro demostraría que hai necesidades obxectivas e condicións subxectivas para accións máis combativas que as dos últimos anos.

 

Din que os atrancos están na cuestión subxectiva, mentres que destacan o salto cualitativo das últimas mobilizacións. Por exemplo, a do 8 de marzo, as manifestacións de pensionistas, sanidade e outros colectivos. Entón cales son as eivas subxectivas? Refírense acaso ás debilidades da estrutura e cadros da súa central sindical? Non será consecuencia da falta de coherencia e combatividade, por asumir que o capitalismo é reformábel, obviando seu carácter consubstancial coa centralización e concentración do poder e da riqueza, coa desigualdade?

 

Non hai dúbida que os argumentos que dan son máis unha escusa que unha proposta alternativa, forzados pola iniciativa do sindicalismo nacionalista. Daquela as contradicións da análise, tanto, cando por unha banda din que non hai condicións subxectivas, e pola outra, chaman a dar pulo á mobilización. A de CCOO semella unha resposta forzada que busca non perder unha parte da base sindical, que non entende a postura derrotista e seguidista tomada pola dirección. Só así se entende o carácter ofensivo da otavela, de cabreo. A ilustración representa unha manifestación da CIG dirixíndose ao precipicio, falando entre eles en castelán. Na afiliación da CIG, que é moi ampla, hai moitas persoas que falan en galego e outras que o fan en castelán, ou que utilizan ambos idiomas (é parte da realidade do país), mais a central sindical destacou sempre pola súa defensa, utilización e promoción da lingua nacional de Galiza, co apoio da afiliación. Pode CCOO e a súa dirección afirmar o propio?

 

A de CCOO semella unha resposta forzada que busca non perder unha parte da base sindical, que non entende a postura derrotista e seguidista tomada pola dirección

 

Pola súa banda, a resposta pública da CUT e outras centrais, como a CGT, pon o acento na unidade e no seu protagonismo. Non lle resto valor a súa participación na folga, mais non se pode ignorar que a súa achega é máis simbólica que cuantitativa, dado que, por exemplo, a CUT, ten 50 veces menos delegados e delegadas que a CIG. Querer condicionar as características do paro con este nivel de representación constrúe atrancos. Conclusión, o que conta, é que tiveron a oportunidade de se sumar á folga e optaron por formar parte do bloque sindical contra o paro. Así de sinxelo e clarificador. No ano 1988 a CIG (INTG-CXTG) optou por facer convocatoria propia na mesma data, por poñer unha referencia histórica, e nun momento menos grave que o actual. Dar ademais como escusa que hai pouco tempo para realizar unha ampla divulgación, porque se convocou o 1º de maio, ou sexa, con máis de mes e medio de antelación, non ten en conta que a maioría das folgas xerais téñense convocado cun prazo menor. Asemade, a CUT no seu cartaz do 1º de maio destacaba como consigna: “Unindo loitas, cara a folga xeral”. O paro non debería ser polo tanto unha sorpresa. Non sería que esta central sindical utilizaba esta consigna só para aparecer como máis radical, e cando chegou o momento de levala á práctica vélle todo tipo de eivas, limitacións, e razóns para adiar a convocatoria? Acaso é máis combativa no verbo que na práctica cando se trata de retos estratéxicos?

 

En fin, persoalmente esperaba máis coherencia e atrevemento por parte da CUT. Trabuqueime, chegado o momento puxéronse do lado dos sindicatos sistémicos nunha situación de tanta transcendencia, onde están moi agudizadas as contradicións sociais e entre os partidos sistémicos. Utilizar a escusa de que: “unha mobilización mal convocada, igual que unha folga mal convocada, pode converterse en nefasta pra os intereses do povo e da clase traballadora, pode ser incluso antisindical” non é un argumento valido neste contexto. Sobre todo para sindicatos que teñen a capacidade de mobilización e de folga que teñen. Agora ben, non por iso, para min, e para a CIG, deixan de ser unha contribución á loita da clase traballadora. Converter a iniciativa e o atrevemento, cando se recoñece por todos os sindicatos que hai condicións obxectivas, nunha arroutada e desfeita, sempre foi unha característica das forzas sistémicas, do sindicalismo pactista. Esta visto que esta conxuntura vai colocando a cada quen no seu lugar. Compañeiros e compañeiras da CUT: máis grave que non parar todo o país é nen intentalo sequera, ou propor un plano alternativo que represente un salto cualitativo igual ou superior á folga xeral.

 


Persoalmente esperaba máis coherencia e atrevemento por parte da CUT. Trabuqueime, chegado o momento puxéronse do lado dos sindicatos sistémicos 

 

Por último. Resulta evidente que a moción de censura do PSOE condiciona a folga xeral. Agora ben, non será doado que Pedro Sánchez consiga votos abondo para governar. Tendo en conta que hai intereses moi diverxentes na oposición, pola complexidade do contexto. Onde as prioridades van, dende cuestións democráticas, con dirixentes nacionalistas encarcerados e no exilio, e persoas condenadas por delitos de opinión, até os que destacan algúns problemas laborais e sociais que precarizan e marxinan. Ou os que sinxelamente queren convocar eleccións axiña por puro oportunismo, como a nova dereita. Daquela que o PP acelerase o debate da moción de censura, para dificultar os acordos. Mesmo así é posíbel que o Governo sexa derrotado.

 

Este xoves veremos como vota cada partido e o que privilexia. Cada forza ficará fotografada diante da sociedade. Se a moción ten éxito, posibelmente a CIG terá que se replantexar a realización da folga xeral, xa que o novo Governo abriría expectativas na sociedade. Neste caso a convocatoria de paro converteriase nunha contribución ao cambio, no imaxinario colectivo do povo galego. Aínda que no mellor dos casos, e se a convocatoria electoral non fose inmediata, os medidas serán limitadas e non cuestionarían a explotación e opresión. Por exemplo, como máximo, botarían abaixo as reformas do PP no ámbito laboral, nas pensións e no Código Penal. Porén, se a moción é derrotada, refórzanse os argumentos para realizar o paro. As centrais sindicais que non se sumaron quedarán en evidencia, pola súa pasividade e derrotismo, en momentos nos que se produce unha fenda nos partidos sistémicos. Polo que, a esta altura, sen opcións concretadas e resultados certos, cómpre máis que nunca traballar para que e a convocatoria sexa un éxito. Por unha folga e mobilizacións masivas o 19 de xuño!!!

 

https://obloguedemera.wordpress.com/