Folga nunha auxiliar de Inditex para exixir a reincorporación de todo o persoal en ERTE

Vero Juncal Mantenimiento realiza o mantemento das máquinas de Zara Loxística.

Vero Juncal Inditex (CIG)

Os traballadores de Vero Juncal, auxiliar de Inditex que se encarga do mantemento das máquinas do almacén de Zara Loxística de Arteixo, están secundando unha xornada de folga de 24 horas para exixir garantías de reincorporación aos seus postos e que se complemente "o ERTE miserento" no que o grupo téxtil ten a este persoal, segundo informan desde a CIG.

 A folga, que ten un seguimento do 100% segundo a central nacionalista, tivo incidencia na actividade do almacén “onde houbo serios problemas na quenda de noite para arrancar a facturación”.

Sergio Escarís, delegado da CIG na empresa explica que "estamos nun ERTE inxusto, que non tiña que estar vixente a día de hoxe, porque as máquinas necesitan uns mantementos que non se están realizando". Pero Inditex "dinos que sobramos, que non nos necesita para traballar e nin sequera nos garanten que vaia recuperar a todo o cadro de persoal, formado por 35 persoas fixas e 5 eventuais".

O delegado de persoal advirte que se están a camuflar os índices de risco para xustificar que o mantemento está correcto e seguir tendo o persoal en ERTE, "cando non é así".

Até o momento só se incorporaron 22 persoas pero a media xornada e organizándolles horarios semanais "á carta" do que quere a multinacional téxtil, incide o sindicato. “Inditex está a utilizar a súa auxiliar a modo de ETT, collendo os traballadores por horas cando os necesita e sen garantir a reincorporación de todo o persoal”.

Comentarios