Folga en Extel polo despedimento de traballadoras en baixa médica

Convoca a CIG para o 5 de febreiro
Mobilización de traballadores e traballadoras de Extel na Coruña
photo_camera Mobilización de traballadores e traballadoras de Extel na Coruña.

"O ataque iniciado pola empresa contra o dereito á saúde das traballadoras e traballadores" é o motivo da folga que, para o vindeiro 5 de febreiro, convocou a CIG no centro de chamadas Extel da Coruña. "Non podemos consentir que nos despidan por estar enfermas e que non se validen agora, por decisión unlateral, os xustificantes médicos que serviron durante máis de vinte anos", indica o sindicato.

O Goberno central anunciou que derrogará de os apartados da última reforma laboral que permiten despedir empregadas de baixa médica. De momento non o fixo. "O máis grave é que a empresa pretende empregar esta estratexia para xustificar despedimentos en base a un suposto absentismo, acolléndose ao artigo 52d do Estatuto do Taballo", denuncia a CIG, para a que "o obxectivo final da empresa non é outro que aplicar un ERE encuberto a baixo custe, aproveitando que a reforma laboral do PP facilitou os despedimentos obxectivos por baixas laborais de curta duración".

É contra esta situación que reacciona o sindicato. Lembra os datos da anterior folga, que "falan con rotundidade de que as traballadoras e traballadores de Extel na Coruña [uns 600] están dedicidas a seguir loitando para defender os dereitos conquistados". Ao día seguinte da folga do 5 de febreiro, a representación do persoal reunirase coa propietaria de Extel Contact Center, a compañía Analytics Business Solution (ABS).

A CIG explica que, na xuntanza, esixirá da empresa que atenda ás reivindicacións sociais a respecto do cambio de criterio nas horas médicas e nos partes de repouso, e que se proceda á reincorporación das compañeiras e compañeiros "despedidos por enfermar". 

Comentarios