Folga no aeroporto de Santiago os días 13, 20 e 27 de setembro

As traballadoras e traballadores protestan ante a ameaza de eliminar a cantina e contra a situación de precariedade agravada polo aumento da carga de traballo sen que medre o cadro de persoal.
Rolda de prensa do comité de traballadoras e traballadores do areoporto de Lavacolla.
photo_camera Rolda de prensa do comité de traballadoras e traballadores do areoporto de Lavacolla.

Por vez primeira todas as empresas que operan nun aeroporto do Estado español, neste caso no Rosalía de Castro, están chamadas a secundar unha folga que se desenvolverá os días 13, 20 e 27 de setembro, entre as 4:30 e as 10:30 horas de cada unha desas xornadas. Así o anunciou, en rolda de prensa, o comité de folga.

Aínda que unha das causas principais desta convocatoria é a demanda da retirada do expediente de restauración publicado na páxina de AENA o pasado día 2 de agosto -que provocaría a desaparición da cantina- a folga convócase tamén contra a cada vez maior precariedade e temporalidade que se está instalando no sector aéreo; o constante aumento da carga de traballo sen o correspondente aumento do cadro de persoal nas empresas afectadas; o incumprimento de cobertura das necesidades de persoal en horario nocturno; a supresión encuberta do servizo de enfermaría do aeroporto e o custo do abono de aparcadoiro obrigatorio soportado polo persoal, de entre 20 e 30 euros ao mes.

O conflito no aeroporto Rosalía de Castro iniciouse no mes de marzo, tras coñecerse a intención de AENA de convocar por separado o concurso de restauración e de cantina, co risco de que a concesión quedase deserta, como xa ocorrera en aeroportos como o de Tenerife Sur ou Sevilla, entre outros.

Daquela as traballadoras e traballadores das diferentes empresas do aeroporto comezaron a organizarse para exixir que se mantivese o servizo de cantina e para denunciar as consecuencias que isto tería para as máis de 1.000 persoas que traballan nas instalacións de Lavacolla, na súa maioría cunhas condicións precarias.

Comentarios