Folga de 24 horas en Extel-A Coruña após o despido de 4 traballadores por “enfermar”

Concentración esta segunda feira, ás 12:00 horas, diante das oficinas da empresa na cidade.

14-01-08 Paro Extel
photo_camera Imaxe de arquivo dunha protesta de persoal de Extel

Os traballadores e traballadoras de Extel (do grupo Adecco) están chamadas a secundar unha xornada de folga de 24 horas na plataforma da Coruña esta segunda feira, 9 de decembro, paro convocado en rexeitamento á “modificación unilateral imposta pola empresa sobre os repousos médicos e o uso das horas médicas”.

A sección sindical da CIG denuncia que a empresa non admite agora os xustificantes médicos por repouso, tal e como era costume dende hai anos, obrigando así ao persoal a coller baixas de un día, "co único fin de executar despedimentos por absentismo".

De feito, indican, nos últimos días fixéronse efectivos catro despedimentos por este motivo, en base ao artigo 52d do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras. "Unha nova agresión desta empresa ruín e explotadora, denuncia a sección sindical da CIG, que require dunha resposta contundente por parte de todas e todos nós".

Desde o sindicato CGT sinalan que o calendario de mobilizacións continúa cun paro de 4 horas o vindeiro día 16 co gallo do acto de conciliación que se realizará no SMAC ante a demanda de conflito colectivo imposta pola sección sindical desta central.

Comentarios