O FLNC pon fin a catro décadas de loita armada en Córsega

O Fronte di Liberazione Naziunale Corsu considera que é tempo de pasar dunha ‘’fase de resistencia’’ a unha de construción dun ‘’poder político corso’’.

FLNC corsega

O FLNC (Fronte de Liberación Nacional Corso) anunciou mediante un comunicado que pon fin á loita armada e abre unha nova etapa de “desmilitarización” e de sumar forzas cara a erguer un “poder político corso”. O FLNC naceu en 1976 da man de militantes doutras organizacións armadas corsas. O seu ‘bautizo’ consistiu na colocación de 21 bombas en diferentes vilas desta illa mediterránea e nun manifesto no que se demandaba a fin do colonialismo francés en Córsega e o recoñecemento do dereito de auto-determinación.

Case catro décadas despois, o FLNC abandona a loita armada de forma incondicional e fala dunha “progresiva saída da clandestinidade”. A procura dunha solución para @s pres@s polític@s cors@s é unha das chamadas neste comunicado. Unha solución que ten que vir nesta nova etapa na que “pasamos dunha fase de combate e resistencia” a unha fase “de construción dun verdadeiro poder político corso”.

Posta en valor

Consideran que non é o tempo da loita armada. Mais insisten en que a súa práctica tivo a súa lexitimidade e razóns. “Permitiron que as nosas costas non se inzasen de formigón e minguar a especulación inmobiliaria”. Ademais, din no comunicado, a actividade armada axudou a limitar o impacto “colonial” francés e a sementar “organismos de contra-poder”.

Reiteran que Francia leva 250 anos unha “xestión puramente colonial” en Córsica, afianzándose no “clientelismo” e “neopotismo”. E que iso debe ser combatido, mais optan por outras vías, anunciando que a partires de agora @s militantes do FLNC "rexeitarán as accións militares en territorio corso e francés".

A emancipación dos pobos segue sendo un dereito vixente, inciden desde o FLNC. E pousan os seus ollos sobre os procesos abertos en Escocia e Catalunya.

Máis en OPINIÓN
Comentarios