Pide penas de até 30 anos de prisión para Oriol Junqueras, segundo 'ABC'

A fiscalía mantén os cargos de rebelión contra os líderes independentistas cataláns

Non se coñecen aínda os termos da decisión do Ministerio Público, que foi filtrada en versións distintas a meios de comunicación españois. Segundo a SER, a fiscalía manterá os cargos de rebelión contra os líderes independentistas, mais situará no mínimo a petición de penas (15 anos de cadea). En troca, o ABC afirma que a Fiscalía será máis dura, nomeadamente con Oriol Junqueras, para quen como "líder da rebelión" pediría "entre 25 e 30 anos de prisión".

ORIOL JUNQUEWRAS
photo_camera Junqueras deita a papeleta na urna no referendo do 1-O de 2017

A Fiscalía depende hierarquicamente do poder executivo, mais en teoría dispón de plena autonomía de acción. Todos os ollos están postos nela nun momento crucial non só do ponto de vista do desenvolvimento da causa contra os líderes soberanistas, senón tamén na area política, cos orzamentos do Estado pactados por PSOE e Podemos pendente do aval do Congreso e con ERC e o PDeCat a demandar da Moncloa acenos cos presos para dar luz verde ás contas estatais.

É ese o contexto no que transcendeu que o Ministerio Público mantén o relato segundo o cal os líderes soberanistas —repartidos entre a cadea (con Oriol Junqueras) e o exilio (Carles Puigdemont)— perpetraron un delito de rebelión contra o estado. De nada ten servido que nen as autoridades xudiciais belgas nen as alemás visen nen o máis mínimo rastro dese ilícito penal (que segundo o código penal español só se produce se existir violencia). A espada de damocles continúa sobre as cabezas dos dirixentes do movimento que levou o pobo catalán a outorgar un masivo apoio á independencia no refendo de autodeterminación de 1 de Outubro pasado, convocatoria coas urnas que alcanzou unha enorme repercusión internacional ao ter sido reprimida violentamente polas forzas de seguridade do estado español.

Do que non se ten certeza aínda é do contido exacto da petición de penas que formula o Ministerio Público. A SER e o ABC ofereceron este domingo informacións contraditorias ao respeito. Segundo a canle líder da radio española, máis próxima ao executivo do que o rotativo monárquico, a fiscalía situará no mínimo a petición de anos de cadea, os 15 anos de prisión que estabelece como o patamar máis baixo o código penal español. En troca, de acordo co ABC, os líderes independentistas enfrentarán peticións agravadas ao absorber tamén o delito de malversación de fondos. E cunha agravante especial para Oriol Junqueras, a quen pola súa calidade de "líder da rebelión" se pedirían penas entre os 25 e os 30 anos de cadea.

Oriol Junqueras é o presidente de ERC, o partido que segundo os inquéritos encabeza as intencións de voto nunhas hipotéticas novas eleccións ao Parlament, e será o cabeza de lista da formación republicana nas eleccións europeas de maio de 2019.

Esquerra advertiu este domingo ao Goberno Sánchez que non "negociará nada" en relación aos orzamentos do estado se a fiscalía non retira os cargos contra os presos. Sen o apoio dos 9 parlamentares de ERC, as contas non poderán prosperar na súa tramitación no Congreso dos Deputados.

Comentarios