A corrupción cerca de novo os dirixentes do PP

A Fiscalía pide imputar a Cospedal e Fernández Díaz pola espionaxe a Bárcenas

Unha investigación da Audiencia Nacional estuda se diversos membros do Executivo de Raxoi promoveron unha operación dirixida a espiar o antigo tesoureiro do partido, Luis Bárcenas, e roubarlle información acusatoria.
Casado, PP, Partido Popular
photo_camera Pablo Casado, con Jorge Fernández Díaz. (Foto: Grupo Parlamentario do PP)

A utilización do aparato do Estado para combater o adversario político fai parte da tradición política española. Sen saír da etapa de Mariano Raxoi á fronte do Executivo estatal, resulta paradigmática a persecución dos dirixentes nacionalistas cataláns polas forzas de seguridade, chegando mesmamente a construír probas falsas para a súa imputación, no marco da coñecida como “Operación Catalunya”. A campaña impulsada desde o Goberno español, dirixida polo ministro de Interior Jorge Fernández Díaz e executada polos corpos policiais, tiña o obxectivo de debilitar o movemento nacionalista.

Os mesmos actores volven ser os protagonistas dun novo episodio de instrumentalización dos órganos gobernamentais ao servizo dos intereses dun partido político. Así, segundo se recolle nunha investigación aberta polo maxistrado da Audiencia Nacional, Manuel García-Castellón, diversos membros do Executivo de Mariano Raxoi promoveron unha operación dirixida a espiar o antigo tesoureiro do partido, Luis Bárcenas, e roubar parte da información no seu poder, que incriminaba os principais responsábeis da formación nas tramas de financiamento irregular do Partido Popular.

O operativo, coñecido na xerga policial como “Kitchen”, gaña actualidade nos últimos días ao coñecerse que o xuíz prepara a imputación do antigo ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, e da súa colega de Defensa, María Dolores de Cospedal. A decisión de investigar Fernández Díaz e Cospedal é consecuencia de diversas comentarios e anotacións do secretario de Estado de Seguridade no Goberno de Raxoi, Francisco Martínez. Martínez, número dous de Fernández Díaz no Ministerio de Interior, deixou constancia o pasado mes de xaneiro diante dun notario de diversas mensaxes que incriminan o seu superior neste novo escándalo.

“O meu grande erro foi ser leal a miserábeis como Jorge (Fernández Díaz), Raxoi ou Cospedal”, afirmou Martínez, quen nunha mensaxe de móbil ao presidente da Audiencia Nacional chegou a afirmar: “Ti sabes que me utilizaron. Uns e outros. Eu o único que fixen foi traballar”, contestándolle, este: “Seino, seino”. As forzas nacionalistas veñen de solicitar unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados, anunciándose unha iniciativa en termos semellantes desde as filas socialistas.

Comentarios