A fiscalía pede ao Supremo que envíe a prisión a Forcadell e outros tres membros da Mesa do Parlament

O Ministerio Público non concede tregua e demanda prisión incondicional para a presidenta do Parlament e outros tres membros da Mesa do Parlament por teren dado luz verde á tramitación da DUI. Para Ramona Barrufet (PDeCat) pede prisión eludíbel sob fianza de 50.000 euros, en tanto que a petición para Joan Josep Nuet (coordenador de Esquerra Unida i Alternativa, parlamentar de Catalunya sí que es Pot) é de liberdade con medidas cautelares.

forcadell
photo_camera Forcadell, á chegada ao tribunal [Foto: NacióDigital]

De ser aceite a petición da fiscalía por parte do xuíz do Tribunal Supremo, Pablo Llarena, a nómina de presos políticos cataláns sumaría catro figuras novas, a da presidenta do Parlament e ex líder da ANC Carme Forcadell e a dos membros da Mesa da cámara que canda ela autorizaron a tramitación da DUI Lluís Corominas (PDeCAT), Anna Simó (ERC) e Lluís Guinó (PDeCAT).

Os membros da Mesa enfrontan cargos por rebelión, sedición e malversación de fondos.

A noticia esta quinta feira foi a mudanza da estratexia dos dirixentes independentistas a respeita da seguida polo vicepresident Junqueras e os 7 consellers na súa comparecencia perante a xuíz da Audiencia Nacional, Carmen Lamela. Con efeito, Carme Forcadell e o resto dos membros da Mesa si aceitaron as perguntas da Fiscalía -os seus compañeiros na AN só contestaron as cuestións das defensas. Alén do máis, e segundo distintas fontes xurídicas, acataron os efeitos do artigo 155 -activado polo Estado o mesmo día 27 en que o Parlament aprobou a DUI- e minimizaron o relevo da declaración de independencia. A ese respeito argumentaron que a resolución da cámara catalá foi unha declaración "simbólica e política", mais sen efeitos xurídicos ao non se ter publicado no diario oficial do Parlament, que, lembremos, foi disolvido esa mesma tarde por unha decisión do Consello de Ministros.

Na súa declaración perante o xuíz, Forcadell enfatizou o carácter "pacífico" de todas as mobilizacións independentistas, argumento co que tenciona desbaratar o cargo de sedición que pesa contra ela e o resto de membros da Mesa .

Comentarios