Chegan a Lampedusa

A Fiscalía italiana ordena incautar o Open Arms e o desembarco das e dos migrantes

As persoas refuxiadas e migrantes a bordo do Open Arms desembarcarán de inmediato en Lampedusa por orde da Fiscalía de Agrigento, quen tamén ordenou a incautación provisional da embarcación.

Mulleres a bordo do Open Arms [Imaxe @openarms_fund]
photo_camera Mulleres a bordo do Open Arms [Imaxe @openarms_fund]

As persoas refuxiadas e migrantes a bordo do Open Arms desembarcarán de inmediato en Lampedusa por orde da Fiscalía de Agrigento, quen tamén ordenou a incautación provisional da embarcación.

Após o fiscal Luigi Patronaggio ter examinado as condicións do barco Open Arms, a Fiscalía italiana de Agrigento ordenou na tarde desta terza feira 20 de agosto o desembarco inmediato das case 150 persoas migrantes e refuxiadas que continúan a bordo da embarcación da ONG do Estado español.

Patronaggio estima necesaria esta medida polas condicións en que se atopan as persoas migrantes.

A situación durante esta tarde fíxose cada vez máis insostíbel, con decenas de persoas lanzándose á mar para poder alcanzar a nado a illa de Lampedusa.

A decisión da Fiscalía pon fin a 19 días de bloqueo cunha situación a bordo do Open Arms, que o propio capitán do barco cualificou de “bomba”. A Fisacalía xa abrira a semana pasada unha investigación sobre se a retención do barco supuña un secuestro de persoas, estudo que foi realizado a petición do equipo xurídico do propio Open Arms.

O goberno de Pedro Sánchez anunciara tamén nesta terza o envío dunha patrulleira a Lampedusa para trasladar o Open Arms a un porto balear.

O ministro do Interior italiano Matteo  Salvini anticipara pouco antes a posibilidade de que o fiscal tomase medidas, pero insistiu na defensa da doutrina de "portos pechados" aínda que lle chegase a "enésima" denuncia en contra. 

Pese a que a opinión pública apuntou que Salvini estaba a arriscar o seu estatus político coa súa decisión inhumana, ningunha potencia europea nin a propia UE activaron ningún dos posíbeis mecanismos que puidesen sancionalo.

Comentarios