A Fiscalía española pide datos sobre os 100 millóns cobrados polo rei emérito

A Fiscalía Anticorrupción española remitiu a Suíza unha comisión rogatoria, é dicir, unha petición de información xudicial entre Estados para a obtención de probas no estranxeiro. O obxectivo é poder coñecer de maneira concreta e formal as investigacións que no país helvético se están a levar a cabo sobre un presunto cobro do rei emérito de España, Juan Carlos I de Borbón, de 100 millóns de dólares no ano 2008 a modo de "comisións" no marco da construción do AVE á cidade da Meca. 
 
Juan Carlos I de Borbón, en Sanxenxo, o ano pasado (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I de Borbón, en Sanxenxo, o ano pasado (Imaxe: Europa Press)

A Fiscalía suíza xa pedira tamén información á española sobre as investigacións que esta última está realizando no asunto do AVE á Meca para esclarecer se houbo subornos. De feito, no Estado español hai abertas dilixencias fiscais sobre as presuntas comisións cobradas polas adxudicacións da obra debido ás conversas gravadas polo ex comisario Villarejo á antiga amiga persoal do Borbón,

Corinna zu Sayn-Wittgenstein. Neses audios Corinna fala de contas que o rei emérito tería en Suíza e fala dun pago de comisións de 80 millóns por empresas españolas para construíren o tren e que terían sido aboados á muller dun empresario saudita. Este, ao seu tempo, tería pagado a metade a un empresario español, o cal tería entregado o total ou unha parte a Juan Carlos I de Borbón. Logo, o rei emérito realizou supostamente un "regalo" a Corinna de 65 millóns, e investígase se terían sido un branqueo. 

O Bloque pide unha comisión de investigación 

Onte as forzas soberanistas da Galiza, Catalunya e Euskal Herria presentaron unha iniciativa no Congreso para pedir a creación dunha comisión de investigación sobre as doazóns atribuídas ao rei emérito para que se poidan determinar "as consecuentes responsabilidades civís, éticas e políticas do Xefe do Estado". O Bloque Nacionalista Galego, Esquerra Republicana, Junts per Catalunya, así como a formación estatal Más País e a valencianista Compromís rexistraron esta solicitude ao coñecer que a Fiscalía suíza investiga Juan Carlos I. Estes partidos piden que se investiguen as presuntas contas irregulares do rei emérito en Suíza e noutros paraísos fiscais, as cales poderían estar a nomes de terceiros. 

Tamén queren que se analicen os presuntos casos de branqueo de capitais e de chantaxes que apuntan cara ao ex xefe do Estado en relación á existencia de redes e estruturas opacas para a adxudicación de contratos tanto en España como no estranxeiro, en relación tamén coa construción do AVE á Meca.

"Son moitas preguntas que eu creo que unha persoa que está a cobrar perto de 200.000 euros dos impostos de todas e todos ten que contestar", manifestou onte o deputado Joan Baldoví de Compromís, quen espera que esta vez a petición dunha comisión de investigación prospere, lembrando que en 2017 a Mesa do Congreso, cos votos de PP, PSOE e Cs xa freou unha petición similar.
Se o PSOE aplica o veto, o Goberno PSOE-Podemos terá que dar "moitas explicacións", dixo Gabriel Rufián, portavoz de ERC no Congreso, "porque non se entendería que o Goberno 'do cambio' non permita acabar dunha vez por todas coa opacidade que existe ao redor dunha familia á que ninguén vota pero que cobra case 8 millóns de euros públicos ao ano", sinalou o republicano catalán. 

Cóntase con que o PSOE se opoña á comisión

Desde Unidas Podemos aseguraron que xa están en contacto coas formacións soberanistas porque tamén sería a súa vontade pór en marcha a comisión de investigación no Congreso sobre as presuntas irregularidades de Juan Carlos de Borbón. Este anuncio, realizado polo portavoz da formación morada, Pablo Echenique, prodúcese nunha semana de confrontos entre o PSOE e Unidas Podemos debido ás formas en que desde o PSOE se tramitaron varios proxectos de lei, de costas a UP. 

Tal e como recordou Baldoví, a formación de Pablo Iglesias presentou no pasado, xunto a forzas soberanistas, unha proposta semellante para investigar o monarca, mais o PSOE rexeitou esa e outras veces a proposta sinalando que a lexislación española non permite investigar nin xulgar o rei por accións que se desenvolveran durante o seu reinado. 
No día de onte xa se daba por feito unha nova oposición do  PSOE á creación da comisión. 

Comentarios