Imprimir

A Fiscalía constatou o impacto da mina de Touro no pasado e no presente

Alba Barbadillo | 29 de xaneiro de 2020

As verteduras foron documentadas polas entidades cívicas (Imaxe: Aldea Viva),
As verteduras foron documentadas polas entidades cívicas (Imaxe: Aldea Viva),

A última decisión da Xunta de bloquear o proxecto para a explotación de Touro e O Pino chega poucos días despois de que o xulgado competente, o mixto de Arzúa, comezase a toma de declaracións a persoal de dúas empresas con actividade na zona por delitos ambientais, unha das cales está detrás do proxecto para a reapertura da mina. Tamén nesta investigación foi chave o papel da sociedade civil quen, a través das reiteradas denuncias de asociacións como Aldea Viva, deron pulo ás accións da Fiscalía de Medio Ambiente ante as verteduras contaminantes procedentes da mina.

As súas últimas pescudas están xa en mans da xuíza, mais non é esta a única investigación en curso. A Fiscalía mantén abertas ademais dilixencias de investigación arredor da contaminación provocada por esta explotación, en relación co tratamento das aguas procedentes da antiga corta de Arinteiro e a aplicación de tecnosolos nas cabeceiras dos ríos, e tamén co proxecto de drenaxe temporal da mina para verter as augas dos regatos contaminados balsa da antiga corta de Vieiro.

O fiscal delegado en Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, nas dúas denuncias trasladadas ao xulgado, fai reconto dos procesos de contaminación nesta contorna, derivados “da antiga explotación mineira e dos seus usos”, mais tamén “da rexeneración da mesma que se fai na actualidade". Na documentación remitida fai constar a “crítica situación” da zona e dos cursos fluviais, que, segundo apunta, vén sendo obxecto de seguimento por parte do Ministerio público desde 1999, pola “degradación dos espazos mineiros e da falta de control”. Como pon de relevo nestes escritos, as súas denuncias “non esgotan nin o ámbito territorial nin outras posíbeis infraccións cometidas na contorna".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/fiscalia-constatou-impacto-da-mina-pasado-presente/20200128200347090354.html


© 2020 Nós Diario