A Fiscalía acusa a Xunta de "homicidio" pola morte de 6 doentes de hepatite C

Na denuncia asegura que se negaron ou retrasaron tratamentos por "razóns orzamentarias" e que mesmo foron modificadas datas da solicitude dos fármacos para facer crer que os tempos de agarda eran menores. 

Alberto Núñez Feijóo e Rocío Mosquera
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Rocío Mosquera [Imaxe Xunta de Galiza]

Nunha información publicada en exclusiva polo xornalista José Precedo en eldiario.es recóllese a denuncia presentada polo Ministerio Fiscal no marco do proceso xudicial aberto pola morte de seis doentes de hepatite C. No texto remitido ao xulgado de instrución a Fiscalía acusa a Xunta dun delito de "homicidio por imprudencia grave" ao sérenlles negados ou atrasado o acceso ao tratamento. 

A Fiscalía imputa o directos de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, actualmente xerente do Hospital Álvaro Cunqueiro (CHUVI) e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González Criado pois entende que incumpriron os seus propios protocolos "por razóns orzamentarias". 

No concreto, a investigación céntrase en tres persoas que faleceron sen seren tratadas e tres aos que lles foron suministrados os fármacos cando o seu estado de saúde era moi grave. 

O Sergas tería modificado nos informes oficiais datas das solicitudes médicas que reclamaban o acceso aos tratamentos

A decisión do Ministerio Público emana da denuncia presentada pola Asociación Batas Brancas en marzo de 2015 e após a investigación iniciada o 29 de decembro pola propia Fiscalía. Desas pescudas obtivo información suficiente para asegurar que o Sergas tería modificado nos informes oficiais datas das solicitudes médicas que reclamaban o acceso aos tratamentos. Neste senso, correos electrónicos achegados polo persoal facultativo contradín os tempos de agarda recoñecidos pola Xunta. 

Aliás, apunta o caso dun outro doente, de Lugo, que conseguiu acceder ao tratamento grazas a que a súa médica "saltou todos os trámites" e escribiu diversas cartas á daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, advertindo da morte do paciente se non accedía aos fármacos. 

Sanidade afirmaba en xaneiro que aprobaran os tratamentos "sempre que as características clínicas do doente eran as acaídas", tres persoas morreron agardando mesmo 6 meses polos fármacos

Após facerse pública a decisión da Fiscalía de investigar a denuncia presentada por Batas Brancas, Sanidade saiu ao paso da información asegurando se aprobaran os tratamentos "sempre que as características clínicas do doente eran as acaídas e se axustaban aos criterios clínicos estabelecidos". Aliás, o director de Asistencia Médica na actualidade, Ramón Ares, subliñou que a subcomisión encargada de tramitar as solicitudes actuou de xeito "absolutamente rigoroso". "Funcionou desde o noso ponto de vista perfectamente, o que permitiu que antes de ter o plan estratéxico todos os doentes graves que precisaban tratamento, o tiveran", defendeu na altura, Ramón Ares. 

Comentarios