As críticas de xuristas foron inmediatas

Fiscais rexeitan a arrogancia de Sánchez

Aumenta a preocupación no PSOE por como pode afectar nas urnas a resposta do Goberno central ao conflito catalán após a sentenza do procés. A dinámica ameazadora sobre o independentismo en que se instalou Pedro Sánchez comeza a confrontar con sectores que van alén do propio movemento soberanista. Desta volta son os colectivos e asociacións profesionais de fiscais quen lanzan as críticas ao presidente do Goberno por arrogarse competencias pertencentes ao poder xudicial.
Pedro Sánchez
photo_camera Pedro Sánchez durante a entrevista en que asegurou que a Fiscalía depende do Goberno (EG/EP)

No debate a cinco televisado a pasada segunda feira, 4 de novembro, o presidente en funcións do Estado español quixo adiantar a Pablo Casado e mofouse do líder conservador aseverando que foi a Mariano Raxoi a quen «se lle escapou Puigdemont» e asegurou que sería el mesmo quen o traería de volta, coma se dunha promesa de programa electoral se tratar.

Cuestionado polo independentismo por non respectar a separación de poderes, Sánchez defendeu esta cuarta feira, 6 de novembro, nunha entrevista en RNE a dependencia da Fiscalía do Goberno facendo fincapé en que o Goberno pula para facer tornar o ex president de Catalunya exiliado en Bruxelas. 

Preguntado polo xornalista de RNE sobre este tema, Sánchez respondeu cunha outra pregunta: «A Fiscalía de quen depende?» aludindo ao Goberno central. «Pois xa está», sentenciou Sánchez, explicando que no debate televisado se refería a que foi a Fiscalía quen pediu ao xuíz instrutor da causa do procés, Pablo  Llarena, que reactivase a euroorde contra o líder de JxCat.

As críticas das asociacións e colectivos profesionais de fiscais non tardaron en chegar após a deriva autoritaria de Sánchez. Así, desde a Unión Progresista de Fiscais (UPF) lembraron en varios comunicados públicos emitidos na súa conta de Twitter que a autonomía do Ministerio Fiscal é unha conquista do Estado de Dereito e unha garantía para todas as persoas, e que o Goberno non pode dar ordes ao Ministerio Fiscal. Engadiron ademais que «os tempos de ceses e nomeamentos á orde do PP nos tempos de Rafael Catalá quedaron atrás, e non deben voltar». 

Non só desde o lado progresista das e dos fiscais rexeitaron as palabras de Sánchez, pois tamén se fixo desde a bancada conservadora. Así, a Asociación de Fiscais (AF) emitiu un comunicado público na mesma liña, en que manifestou que a Fiscalía non cumpre ordes do Goberno e lamentou «o descoñecemento das funcións conferidas ao Ministerio Fiscal por parte de quen realiza tales manifestacións, que non se axustan á realidade». Acusaron así mesmo a Sánchez de xerar na cidadanía «unha confusión inaceptábel».

Sumouse tamén ao rexeitamento público a Asociación Profesional Independente de Fiscais (APIF) quen considerou que «Sánchez se equivoca. Non pode dar ningunha orde ao Fiscal, conforme a lei».

Ante o aluvión de críticas recibidas polos colectivos profesionais de fiscais, Pedro Sánchez viuse obrigado a suavizar as súas palabras a través da súa conta oficial de Twitter, onde aseverou que «a Fiscalía conta co apoio do Goberno na defensa da Lei e do interese xeral», mais ao tempo engadiu que «ninguén está por riba da Lei» e aseverou que Puigdemont «é un prófugo da xustiza».

Calvo: «Nada ten que ver a separación de poderes»

Cando quedan escasas horas para a apertura das urnas o PSOE enléase nin máis nin menos que cos alicerces da democracia e do Estado de Dereito. De feito, a vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo, tivo que responder ante a prensa a preguntas sobre as afirmacións de Pedro Sánchez. 

A número dúas do Executivo en funcións apoiou as palabras do presidente e negou que a Fiscalía sexa poder xudicial, aínda que estea encadrada no mesmo. «Nada ten que ver a separación de poderes co Ministerio Fiscal», apostilou. 
Calvo incluso obviou a Constitución española e aseverou que o Fiscal Xeral é nomeado polo Goberno, cando o artigo 124.4 dita que é o Rei quen o nomea, a proposta do Goberno, ouvido o Consello Xeral do Poder Xudicial. 

Casado anima Sánchez a actuar contra Torra 

O candidato do Partido Popular á presidencia do Goberno central, Pablo Casado, aproveitou a polémica para preguntar a Pedro Sánchez por que non actúa desde xa contra o presidente da Generalitat, Quim Torra, se ten a capacidade de mandar sobre a Fiscalía e se considera que esta depende do Goberno. 

Casado pronunciou estas palabras nun acto desenvolvido no Museo de Historia de Barcelona xunto a candidata por esta circunscrición electoral, Cayetana Álvarez de Toledo, e máis pola ex socialista e fundadora da ultraespañolista Unión, Progreso e Democracia (UPyD) Rosa Díez

O actual xefe da oposición nas Cortes Xerais do Estado expresou o seu desexo de que Sánchez apoie a acción da Fiscalía «da mesma maneira que Mariano Raxoi apoiou o fiscal xeral, José Manuel Maza», lembrando que o PSOE votou a favor da súa reprobación no Congreso sendo quen «presentara a querela que fixo posíbel que agora o Supremo condene por sedición as e os líderes independentistas», sentenciou o líder conservador.

Puigdemont lembra que non é un prófugo

Desde o exilio en Bruxelas o líder de Junts per Catalunya e ex president da Generalitat, Carles Puigdemont, lembrou a Pedro Sánchez que a súa condición non é a dun prófugo nin fugado da xustiza, xa que o ex mandatario catalán se atopa en mans da xustiza belga e, por tanto, da europea. Respondeu así por Twitter o chío de Sánchez en que aseveraba que ninguén está por riba da lei e onde cualificaba Puigdemont de fuxido. 

Puigdemont acusou o presidente do Goberno central en funcións de tornar a trabucarse e espetoulle a través da súa conta na rede social que foi a xustiza belga quen decretou a súa liberdade sen fianza e que é esta mesma quen debe resolver a nova euroorde asinada polo xuíz Pablo Llarena após a sentenza do procés punitiva para as e os líderes independentistas. 

Sánchez recuperará o delito do referendo ilegal

Seguindo a estela españolista, Pedro Sánchez anunciou tamén a cuarta feira a recuperación do delito de organización de referendos ilegais, xustificándose en que o independentismo catalán quere «retomar a vía unilateral».

O presidente do Goberno en funcións advertiu que consultas como a de 1 de outubro de 2017 cuestionan a integridade territorial de España e cualificounas de elementos de «discordia e de enquistamento da situación política en Catalunya».

O presidente tamén aseverou que se está a despregar un amplo dispositivo de forzas policiais do estado en Catalunya fronte as mobilizacións anunciadas por movementos independentistas para protestaren o 10-N pola sentenza do procés. Ademais, Sánchez interpelou a Generalitat para que garanta o «normal desenvolvemento da xornada electoral».

Nesta situación de enxalzamento das forzas policiais españolas, o Rei Filipe VI continuou a súa axenda de actos a pesar da campaña electoral e participou o día de onte nun evento sobre igualdade organizado pola Policía Nacional. O Monarca aproveitou para subliñar que o corpo policial español é unha institución «crucial e indispensábel» para a democracia e que demostrou «ser un elemento fundamental para protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e para garantir a seguridade cidadá».

Clara_PonsatiTorra preocupado polo Estado de Dereito

Desde a Generalitat tampouco tardaron en chegar as reaccións ás afirmacións do Executivo central.

O president de Catalunya, Quim Torra, acusou esta cuarta feira a Pedro Sánchez de «facer saltar polo aire o sistema xudicial español».Desta maneira rexeitou Torra as declaracións emitidas polo presidente do executivo español e lamentou que estea danando as garantías e imparcialidade que debería de ter o sistema xudicial.

«Vostede dixo que a Fiscalía depende de vostede», resumiu Torra o debate con estas duras palabras. En canto ás acusacións de prófugo que Sánchez verteu sobre Puigdemont, o president   esixiulle que «cando se dirixa a un president de Catalunya o trate con honorabilidade e respecto».

Reino Unido desatende a euroorde

A xustiza do Reino Unido non tramitará a orde de detención europea ditada polo xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena contra a ex consellera catalá exiliada en Escocia Clara Ponsatí. O motivo é, que segundo a lexislación do Reino Unido, as causas da euroorde considéranse desproporcionadas. A orde de detención foi revisada por un avogado do Reino Unido no nome da Axencia Nacional contra a Delicuencia. Clara Ponsatí, que levou a carteira de Ensino, é acusada de sedición por mor do referendo do 1-O. 

Comentarios