O FIOT fai unha pausa no 2020 pero mantén a súa aposta pola creación escénica galega

O director do FIOT e da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, anunciou na tarde de onte que non se realizará a 29ª edición do festival, prevista para este outono, co obxectivo de poder garantir “o futuro e a viabilidade nos vindeiros anos dun evento necesario para fornecer o tecido cultural e escénico da Galiza como da propia entidade cultural que promove a cita”.

 

'Curva España' é unha das obras que poderán verse en Carballo.
photo_camera 'Curva España' é unha das obras que poderán verse en Carballo.

No acto, no que tamén participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, Sueiro sinalou que a organización “leva moitos meses traballando con ilusión nesta edición”. “Contabamos cunha extensa programación, con numerosas actividades para todos os públicos e funcións con compañías galegas, estatais e internacionais, pero a incerteza provocada polo contexto sanitario, a redución de butacas nos recintos culturais e a dificultade de financiamento impiden que desenvolvamos esta 29ª edición”, expuso o director do FIOT. 

A pesar desta parada, a asociación Telón e Aparte e o Concello de Carballo comprométense a ofrecer unha programación escénica no mes de outubro, entre os días 9 e 18, para manter a súa aposta polo tecido cultural. “O noso compromiso co público e coas compañías mantense intacto. Nun momento no que é máis necesario que nunca apostar pola creación e proclamar que a cultura é segura, garantimos que, en Carballo, este outono haberá teatro”, afirmou Alberto Sueiro. 

Así, entre os días 9 e 18 de outubro, decorrerá FIOT en pausa, unha programación que incorpora “o selo de calidade do FIOT” e que achegará algúns dos traballos máis destacados e laureados da tempada escénica a Carballo. Pezas como Curva España, de Chévere (día 10), A lingua das bolboretas, recentemente estreada en Ourense (día 12)Liberto, que opta a 7 galardóns nos Premios María Casares (día 17), ou Prostitución, que conta no seu reparto con Carmen Machi e Nathalie Poza (día 18), representaranse o vindeiro mes no Pazo de Cultura de Carballo. “Falamos dunha pequena selección de pezas que, a ollos do público, gardan de seu a esencia do noso FIOT”, engadiu o director de Telón e Aparte, asociación organizadora do evento.

FIOT en pausa manterá o espírito de aposta pola creación escénica galega do festival e ofrecerá ao longo de dez xornadas diferentes estreas absolutas e funcións de compañías e creadores da terra “nun exercicio de apoio e resistencia ao noso tecido”, aseverou Sueiro. É o caso de propostas de formato non convencional como A xente 2.0, unha creación de María Vázquez e Víctor Duplá (día 16), ou Live, unha performance dunha actriz galega que se agocha detrás da personaxe Emma Santos (día 10). Esta última, ao igual que Curva España, son exemplo dunha das apostas desta singular programación: a selección de dramaturxias que fusionan elementos presenciais e o virtuais a través dun uso innovador da cultura dixital e a tecnoloxía.
 

FIOT Fónico


Unha das singularidades máis salientábeis deste FIOT en pausa é a estrea absoluta dunha ficción sonora coproducida por FIOT e  LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostible) na que a escenografía é unha selección da arte urbana que se atopa en Carballo. A lúa, válvula de spray, será a primeira das creacións do FIOT Fónico, un proxecto que nace con vocación de continuidade e que pretende explorar novos formatos e as posibilidades que ofrecen ferramentas tecnolóxicas innovadoras para achegar experiencias teatrais singulares na comarca.  

A lúa, valvula de spray, é unha creación da artista multidisciplinar carballesa Rosalía Fernández Rial, na que a contorna é desencadeante dunha ficción teatral. Dirixida por Quico Cadaval, a obra, que se estreará o 9 de outubro, é un espectáculo itinerante que se pode percorrer na localidade a través de seis escenarios ou murais que se atopan nas fachadas de Carballo. A peza poderase escoitar desde os dispositivos móbiles previa descarga dunha aplicación.

Outra das liñas de programación habituais do festival, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado (M2) ofrecerá a posibilidade de coñecer seis espectáculos de nova creación, dos cales cinco serán estreas absolutas. Espazos como o Salón de Plenos da Casa do Concello, a Ludoteca Municipal, o Casino 1889, a Biblioteca Rego da Balsa ou as aulas do Pazo da Cultura acollerán propostas da cuarta edición do certame, que inclúe pezas de creadoras como Iria Pinheiro, Helena Salgueiro ou Ana Abad de Larriva, entre outras, e das que se poderán gozar os días 10, 11 e 17 de outubro. 

Este apoio á creación local, ademais, reforzarase cun proxecto paralelo de artes plásticas nomeado Pandemia. Novos retosDurante este ano a Concellaría de Cultura lanzou un desafío a un colectivo de artistas profesionais e amadores da comarca, de traxectorias e modalidades artísticas diversas, co obxectivo de dar a coñecer a visión das autoras e autores sobre o momento que estamos a vivir. Os case 20 participantes crearon obras plásticas cun nexo común e o seu resultado poderase ver nunha mostra colectiva que acollerá o Pazo da Cultura a partir do vindeiro 7 de outubro. 

Comentarios