Opinión

É o financiamento, estúpidos!

Estes días asistimos a un debate importante. Porén, un debate trampa. O problema non está en se un goberno español en funcións pode ou non aboar os pagamentos a conta (que debería). Tampouco en se Feixóo debe recorrer ou non á vía xudicial para solicitar os 700 millóns de euros que lle reclama ao Estado en concepto -entre outros- anticipos a conta que lle corresponden a Galiza (que debería). Menos aínda, en se terían que convocar unha reunión “extraordinaria e urxente” do Consello de Política Fiscal e Financeira para desbloquear a situación. No mellor dos casos, todo o anterior son parches para un problema que non é parcheábel, senón que require dunha revisión total: o sistema de financiamento.

Non se trata dun debate de técnica xurídica nin de contabilidade pública. É un debate político. Posibelmente, o máis importante. En grande medida, non é outro que o debate da plurinacionalidade do estado español e as consecuencias prácticas que se deberían derivar da mesma. Reducilo a un debate de prazos e formas é como se unha persoa de 40 anos, ao que o pai lle cobra a súa nómina e lla vai graduando, se queixase porque desta volta, papá aínda non lle deu a “paga semanal”… e cando lla dá, dille que é para ir ao cine e lle indica até que filme ir ver... De seguro que para esa persoa sería un “drama” non cobrar esa semana, mais o verdadeiro “dramón” sería, a esa idade, non poder cobrar ti directamente a túa nómina, froito do teu esforzo e traballo, non te auto-responsabilizar de ti propio e depender da tutela e arbitrariedade doutra persoa que decide por ti e administra os teus recursos... Se ademais ese mal pai nin o fai gratis nin che trata ben, mírese por onde se mire, é un pésimo negocio.

O debate de fondo -que ninguén, salvo o nacionalismo, quere dar- non é se os anticipos chegan tarde. O debate realmente importante é por que é o goberno central quen recada os impostos das galegas e dos galegos e das empresas asentadas na Galiza, e por que, no fundamental, é en Madrid onde se decide canto, en que e como gastalo.

Un modelo insuficiente e de costas á realidade galega 

O actual modelo de financiamento das CC.AA. é intencionadamente complicado e difícil de entender, pouco transparente, arbitrario e pouco eficiente. No caso de Galiza é, ademais, especialmente perverso e insuficiente.

Neste sistema, o estado “cede” (mais a “propiedade” da competencia segue a ser do estado) o rendemento ao 100% e certa capacidade normativa ás Comunidades Autónomas, dos tributos menos importantes (sucesións, doazóns, imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e as taxas sobre o xogo) e “cede” parcialmente o rendemento doutros impostos: IVE, 50%; IRPF, 50%; e Impostos Especiais, 58%. Neste último caso, as CC.AA. teñen algunhas competencias (moi cativas) no IRPF e nulas no IVE e nos Impostos Especiais.

Este modelo ten, desde o meu punto de vista, varios problemas moi evidentes:

  1. Non fai distinción práctica entre nacións e rexións (agás Euskal Herria)

Isto implica un modelo de “café para todos” tamén no ámbito do financiamento e, polo tanto, un tratamento igual de realidades políticas diferentes. Obrígase a manter un sistema de descentralización na xestión dos servizos públicos de maior transcendencia para a cidadanía e centralización no ingreso, que pode ter lóxica para sistemas de descentralización administrativa dun estado uninacional, mais que non teñen ningún sentido para un estado plurinacional (salvo para o saqueo e a perpetuación dunha relación de dependencia). Ese modelo impide un desenvolvemento autocentrado das nacións que compoñen o estado ás que se lles impide poder decidir sobre aspectos básicos da súa economía e modelo social.

  1. Financiamento insuficiente

Por unha banda, atopámonos con que a recadación da parte correspondente dos tributos cedidos ás CC.AA. (en Galiza, 5.591 millóns de euros) é claramente inferior ao custo dos servizos que teñen transferidos. Isto implica que, necesariamente, as CC.AA. precisan de “transferencias extra” do estado para levar a cabo os servizos da súa competencia. É dicir, as CC.AA. teñen a obriga de prestar un servizo (e polo tanto, serán as institucións ás que lles reclamará a cidadanía en caso de mala prestación), mais non teñen garantido os ingresos para prestalo.

En segundo lugar, o financiamento total (incluídas xa as transferencias do estado) segue a ser insuficiente para prestar uns servizos públicos de calidade. Existe unha evolución crecente das necesidades de gasto das CC.AA. respecto do Estado, na medida en que prestan os servizos que configuran a parte esencial dun mínimo estado de benestar, en especial a sanidade, a educación e os servizos sociais. Iso vese agravado pola evolución do gasto sanitario e pola asunción de novas responsabilidades, especialmente as referidas ao ámbito de aplicación da Lei de Dependencia. 

c. Non ten en conta o custe real e diferenciado que ten a prestación dos servizos en función do territorio

O actual modelo non ten debidamente en conta criterios que afectan substancialmente o custe final da prestación do servizo, e que afectan especialmente a Galiza. Así, teñen un peso específico moi inferior ao real: a dispersión poboacional (0,6%), o avellentamento (8,5%) ou a emigración (0%). Polo tanto, o peso desas tres variábeis no actual modelo é tan só do 9,1%. Polo tanto, non se pondera de forma correcta determinados factores que condicionan enormemente o custe final da prestación dun servizo. Por exemplo, aproximadamente o 24% da poboación galega ten máis de 65 anos (5 puntos por riba da media do estado) e unha parte moi significativa destes teñen máis de 85. Se temos en conta que o 60% do gasto sanitario se produce nos dous últimos anos de vida, a consecuencia é evidente. Os efectos da dispersión, no encarecemento da prestación dos servizos son tamén claros. Por exemplo, o transporte escolar é 4 veces máis caro na Galiza que na media do estado; os custes en materia de saneamento son moi superiores aos de España e os custes unitarios en materia de depuración son o duplo da media estatal; precisamos dun moito maior número de centros educativos e sanitarios/asistenciais para prestar os mesmos servizos cos custes que leva parellos etc. 

d. Limitación normativa: invita o estado, pagan as CC.AA.

As CC.AA. teñen que prestar e pagar uns servizos que en moitos casos é o estado quen, unilateralmente a través da súa normativa básica, remata determinando como se deben prestar (e, polo tanto, o seu custe final). Por exemplo, cando o estado fixa o número máximo de alun@s por aula, a porcentaxe de gastos farmacéuticos que teñen que pagar os distintos grupos de usuari@s ou os requisitos para acceder ás axudas da dependencia, o estado está a regular cousas que deberían ser competencias exclusivas doutra administración ademais de estar a incidir de xeito moi significativo no custe final dese servizo.

e. A cuestión das entregas a conta

Nunca se falou tanto das “entregas a conta” como nestas semanas. Lonxe de ser un sistema eficiente, son parte do problema. No momento en que se elabora o anteproxecto da Lei de Orzamentos Xerais do Estado, o goberno central fai unha previsión de canto lle corresponde a cada Comunidade Autónoma e, a partir de aí, vaille realizando ese anticipo de xeito mensual. Logo, aos dous anos, determínase o que realmente deberían ter recibido e se procede á liquidación con todos os problemas que isto pode xerar.

A necesidade dun novo modelo de financiamento. Por un concerto económico para Galiza.

O debate sobre o sistema de financiamento pon o modelo de descentralización do estado español ante o espello e evidencia a falacia, tan repetida, de que o estado español é o máis descentralizados do mundo. Só hai que mirar para o grado de descentralización da “chave dos cartos” para comprobarmos como, agás no caso de Euskadi e Nafarroa (que contan con sistemas de concerto e convenio respectivamente recollidos na Diposición Adicional 1ª da CE que lles permite a través das súas Deputacións recadar e xestionar os tributos), a descentralización é mínima. Lonxe desa imaxe que, tanto a dereita como esquerda española, tratan de vender do estado español como un estado cuasifederal, a realidade é que o modelo autonómico non deixa de ser, no fundamental, unha descentralización administrativa cunha elevada centralización no, política e economicamente, máis relevante.

Non pode existir un mínimo “autogoberno” merecente de tal nome sen unha autonomía fiscal e financeira real. Todo o resto, nunca pasará dunha mera descentralización administrativa. Por ese motivo, un estado plurinacional que fose democrático, para alén doutras cousas, só podería ter un sistema de financiamento asimétrico, onde as competencias en materia fiscal foran plenas para as nacións, e non tiveran que selo para as rexións. As necesidades obxectivas, os dereitos inherentes a súa condición e a vontade política de autorresponsabilización das nacións e das rexións que hoxe compoñen o estado español non son as mesmas, polo que tampouco debería ser igual o modelo de financiamento polo que se rexesen.

Unha nación como Galiza precisaría –como mínimo- dun modelo de concerto económico, que permitira invertir os termos da nosa actual relación co goberno central. Xa non recadaría Madrid e transferiría a Galiza, senón que recadaría Galiza e, se for o caso, transferiría a Madrid para custear a parte que nos correspondera dos servizos centrais do estado ou aqueles non transferidos a Galiza. Ao tempo, tería que ser un modelo que lle garantise ao noso país plena capacidade normativa e de xestión sobre todos os tributos soportados polos cidadáns e cidadás e polas empresas que operan na Galiza.

Concerto económico é sinónimo de nos autorresponsabilizar de nós mesmos. Baséase nun dereito e nunha necesidade. No dereito que temos como nación a poder decidir sobre o noso e na necesidade de ter unha economía autocentrada. Para elo, resulta imprescindíbel poder recadar os nosos impostos e decidir sobre como facelo e para que usalos. Alguén de boa fe, pode realmente pensar que pode haber alguén mellor que os galegos e as galegas para decidir en que se deben gastar os impostos dos galegos e galegas? Alguén pode pensar que se poden coñecer mellor as necesidades de investimento que precisa Galiza, a 500 km de Galiza que desde Galiza?

Esta é a chave de todo. Por iso tamén será a última competencia que o goberno español estea disposto a “ceder” ás nacións sen estado como Catalunya ou Galiza. En primeiro lugar, porque sería un pésimo negocio para a oligarquía e casta funcionarial española que viven en grande medida de retraer recursos destas nacións cara o centro. En segundo lugar, porque sería un elemento de autoestima importante para esa nacións sen estado e que, nun caso como o noso, viría demostrar pola vía dos feitos que non somos un país que viva da caridade de ninguén, senón do noso traballo e recursos e que os problemas da nosa economía non teñen que ver coa nosa incapacidade como pobo, senón coa nosa dependencia política e económica de falla de competencias propias para o manexo axeitado da nosa problemática.

Unha batalla que é preciso dar

Alguén podería pensar que este é un debate tanxencial ou de conxuntura, marcado pola falta de goberno no estado e ás portas dunha probábel repetición electoral. No fundamental, non o é. Evidentemente o contexto condiciona o conxunto do debate político, mais o debate sobre o financiamento transcéndeo.

Para nós, trátase dunha reivindicación que, máis ou menos concretada, subxace nos postulados teóricos do nacionalismo galego desde Brañas pasando polas Irmandades da Fala e Partido Galeguista -con Bóveda á cabeza- até chegar ao Bloque Nacionalista Galego.

Hoxe, esa demanda histórica ten unha concreción práctica clara: un novo modelo de financiamento acaído á condición plurinacional do estado español, máis simple, transparente e suficiente para garantir uns servizos públicos de calidade. Un sistema con plena capacidade normativa e de xestión e de responsabilidade fiscal sobre todos os impostos soportados en Galiza para modificar os diferentes elementos que forman parte de todos e cada un dos impostos. Un sistema que inclúe unha xestión galega do imposto de sociedades, que converte os tributos cedidos en propios e que dispón de competencias plenas sobre a inspección fiscal para perseguir, de xeito máis efectivo, aos grandes defraudadores. Un sistema que dotaría a Galiza dunha Axencia Tributaria propia e dun novo sistema fiscal que a diferencia do español, realmente contribuíse a corrixir desigualdades económicas e a redistribuír a riqueza e tamén, por suposto, que se dotase dun novo modelo de financiamento para os Concellos galegos, actualmente discriminados co sistema de reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE). Ese novo sistema que precisa Galiza é o do concerto económico.

Sería un erro histórico que Galiza aceptase resignadamente un status económico inferior ao que xa ten Euskal Herria na actualidade ou ao que, eventualmente, puidera alcanzar Catalunya (se non alcanza antes a súa independencia). O nacionalismo galego debe dar este debate socialmente a fondo. Vainos a vida niso como proxecto político e como país. E urxe dalo, entre outras cousas, porque de manterse inalterado, en poucos anos, Galiza agravaría aínda máis a súa difícil situación en todos os ámbitos.

Temos que explicar todo isto con pedagoxía e desenmascarar a actuación dun Feixóo que agora trata de enfundarse no traxe de paladín de Galiza que se ergue contra as aldraxes de Madrid, mais que non pasa de lacaio da corte que di “si bwana” a todo o que veña con carimbo do goberno español. Feixóo nunca aspirou a ser o presidente dun país digno. Confórmase con ser o delegado do goberno dunha provincia española. Sempre obediente. Ao sumo, un pouco “revoltoso” cando non hai goberno amigo en Madrid. A mellor mostra disto é o seu enfoque e reivindicacións no debate da reforma do sistema de financiamento e o feito de que en todos estes anos como Presidente da Xunta de Galiza, teña o triste récord de sumar cero novas competencias para Galiza.

Un post-it imprescindíbel 

“É a economía, estúpido!” converteuse hai uns anos nunha frase fetiche na política norteamericana e, posteriormente, en todo o mundo. Esa frase estivo colgada en forma de cartaz na parede do asesor de Clinton, James Carville, durante toda unha campaña electoral a modo de recordatorio que lle lembrase que debían centrar a súa estratexia de comunicación nos problemas cotiáns da xente e que todo comeza e remata pola economía. Eu hoxe, a modo de auto-recordatorio, acabo de pegar un post-it no meu computador para velo todos os días: “É o financiamento, estúpido!”.